Compartir con outras rexións europeas as experiencias galegas en innovación para o envellecemento beneficia á comunidade activo e saudable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
A conselleira no Partenariado Europeo pola Innovacion

A conselleira no Partenariado Europeo pola Innovacion

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, invitou a outras rexións europeas a coñecer de primeira man a historia clínica electrónica e a nosa experiencia en mecanismos de compra pública innovadora. Así o destacou a titular de Sanidade, que vén de participar en Bruxelas na segunda xornada de Partenariado Europeo pola Innovación para un envellecemento activo e saudable; encontro no que Rocío Mosquera participou xunto a outros máximos representantes do ámbito de saúde dos estados membros e rexións europeas.

Sanidade elaborou un plan de coaching para profesionais doutras rexións europeas que teñan interese en coñecer as actuacións galegas a través de dúas vías. Dunha banda, “ofrecemos a posibilidade de visitas in situ de un ou dous días de duración nas que os profesionais visitantes verían de primeira man cómo os nosos profesionais traballan con estas ferramentas”. Tamén explicou, doutra banda, que se diseñou un programa de diseminación a través de distintos canais como páxinas web e redes sociais.

Na súa intervención, a titular de Sanidade destacou os beneficios de compartir a experiencia galega con outras rexións europeas e tamén a importancia de fomentar a innovación no ámbito público e tamén no privado. “Se unha empresa desenvolveu unha nova tecnoloxía innovadora para responder a unha necesidade detectada en Galicia e esa tecnoloxía funciona, compartindo a nosa experiencia con outras rexións podemos axudar a internacionalizar o mercado, fomentando así a innovación empresarial”, sinalou.

Galicia leva varios anos apostando pola aplicación de solucións innovadoras co obxectivo de adaptar o noso sistema sanitario público aos novos retos da sociedade, e ás características propias da nosa comunidade cun 23% da poboación maior de 65 anos e un contorno xeográfico disperso.

Referencia en Europa de envellecemento activo

Galicia convértese en rexión de referencia en Europa en envellecemento activo e saudable grazas a que o seu servizo de saúde, que pon aos pacientes e cidadáns no centro do sistema, é líder na utilización de tecnoloxías. Son exemplos disto a Historia Clínica Electrónica, a e-Receita, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, o Consello Asesor do Paciente e a Plataforma de Innovación en Saúde. Neste eido, o sistema de benestar galego ten experiencias concretas na utilización de novas tecnoloxías para facilitar e garantir a calidade de vida dos maiores.

A implantación da Historia Clínica Electrónica e a e-Receita son os dous eixos de Galicia para situarse como rexión de referencia en Europa. Ámbolos dous elementos conxuntamente, permiten aos médicos dos centros de saúde reorientar a demanda, diminuír as visitas administrativas e adoptar actuacións dirixidas a pacientes crónicos, polimedicados e institucionalizados.

Ademais, dan soporte a toda a actividade asistencial e garanten a súa continuidade, xa que por unha banda facilitan o cambio de organización cara a un modelo que integre nunha única xerencia os dous niveis de atención, primaria e especializada, e por outra, pronto permitirán integrar o módulo de historia social da Consellería de Traballo e Benestar. Todo isto, xunto coa ampla rede de centros de atención primaria distribuídos pola xeografía galega (preto de 500) facilita a accesibilidade, a principal característica do sistema sanitario galego.

Outros dos eixos é o maior protagonismo para a cidadanía a través da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, orientada á formación de pacientes, familias e cidadáns nos seus procesos de saúde e enfermidade e o Consello Asesor do Paciente, órgano pioneiro e de referencia en España que posibilita establecer un circuíto accesible e directo para que os cidadáns fagan chegar á Administración as súas necesidades, inquedanzas e solicitudes de información.

Tamén o é a Plataforma de innovación, iniciativa que ten como obxectivo xestionar as ideas de mellora que formulan os usuarios seguindo un modelo de innovación aberta. Esta plataforma invita á participación non só dos profesionais, dos cidadáns e dos pacientes, senón tamén de universidades, centros tecnolóxicos e empresas na construción do sector sanitario galego.

A utilización de fondos estruturais para o financiamento de proxectos de innovación en saúde é outro dos grandes eixos de actuación, poñendo como exemplo a implantación da mencionada Historia Clínica Electrónica, os programas FEDER H2050 e Innova-Saúde e a progresiva incorporación de quince novos centros de atención primaria.

25 de novembro de 2013 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.