Comezan, por máis de 240.000 euros, as obras de construción de beirarrúas en Ceboliño, no Concello de Ourense
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia hoxe as obras de construción de beirarrúas en Ceboliño, no termo municipal de Ourense. Trátase dunha obra que executa a Axencia Galega de Infraestruturas, quen dispón dun orzamento de 241.000 euros para a súa materialización.
Os traballos consisten na mellora dun tramo da estrada autonómica OU-137 (OU-536- Ceboliño- OU-536), comprendido entre os puntos quilométricos 0+090 e 0+840. A empresa adxudicataria, Construcións Benigno Álvarez, S.L, estenderá firme bituminoso e levará a cabo a pavimentación da zona, definindo unha calzada que dispoña de dous carrís de tres metros de ancho e de beiravías de 2 metros de ancho, polo que como media acadarase unha calzada de 5 metros dentro do dominio público, sen necesidade de realizar expropiacións.
As obras rematarán coa canalización de recollida de augas pluviais, alumeado público e a colocación de barreiras de seguridade metálica ou varandas, para a protección dos case 110.000 habitantes do Concello de Ourense, que se beneficiarán desta mellora.
Con esta actuación, o departamento que dirixe Agustín Hernández pretende proporcionar aos cidadáns unha rede viaria cómoda e segura que evite a sinistralidade. Por outra banda, foméntase o desenvolvemento económico e social dos concellos da comunidade galega.











