publicidade hoxe

Comezan as obras para a apertura da canle de desaugadoiro da lagoa da Frouxeira en Valdoviño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaValdoviño
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciará mañá os traballos para a apertura da canle de desaugadoiro da lagoa de Valdoviño co obxectivo de previr o desbordamento da lagoa e as consecuencias negativas do desaugamento incontrolado sobre o sistema dunar.

A lagoa da Frouxeira é un ecosistema litoral de gran beleza incluído na Rede galega de espazos protexidos e que conta con varias figuras de protección ambiental. Trátase dunha masa de auga illada do mar por unha barra de area que forma a propia dinámica mariña.

A inestabilidade da barra de area que pecha o sistema lacustre tradúcese na existencia de ciclos irregulares nos que se alternan períodos cun funcionamento mareal (cando a altura da barra permite a entrada e saída das mareas á cubeta da lagoa) con períodos nos que se observa un ecosistema léntico (cando a barra de area pecha a lagoa).

Técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza levan semanas realizando controis sobre o comportamento do humidal tomando os datos de cota, mareas, evolución da barreira dunar, caudais…., co obxecto de previr situacións adversas. Os datos recabados permiten concluír a necesidade da intervención de cara a unha execución controlada das actuacións.

Nestes últimos días a situación empeorou. Aumentos significativos de cota, asolagamentos, incremento das filtracións e rebrandecemento da área na zona dunar, evidencian a debilitación da barra de area neste punto, o que de concluír en rotura tería un impacto negativo sobre o sistema dunar que convén evitar.

No mes de xaneiro de 2012, que se produciu unha apertura natural moi por enriba da referencia da cota de 4,77 m (identificada nos estudos recentes como a cota a partir da cal é necesario actuar), produciuse un aumento dos calados máximos, unha ampliación da lámina de auga e un importante aumento do volume de auga encorada, maior evacuación de sedimentos e importantes prexuízos aos predios ribeiráns.

As obras durarán aproximadamente un día e se desenvolverán seguindo o proxecto técnico de medidas específicas de control do estado ecolóxico do humidal baseado no Borrador do Plan de conservación que durante a semana que vén iniciará a súa exposición pública.

18 de novembro de 2013 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.