Comezan as obras do novo parque infantil e biosaludable do ámbito da Veracruz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+
Inicio dos traballos do parque de Veracruz

Inicio dos traballos do parque de Veracruz

Esta semana comezaron as obras para a creación dun parque infantil, e un parque biosaludable, na zona do ámbito da praza da Veracruz, tal e como anunciara o alcalde carballiñés na inauguración deste espazo da vila do Arenteiro.

Os dous parques situaranse na zona sur da praza, entre a rúa Evaristo Vaamonde e Florentino López Cuevillas, con acceso a través da rúa peonil, ofrecendo a maior seguridade aos usuarios.

No caso do parque infantil, este desenvolverase sobre 746,6 metros cadrados, e contará cun peche perimetral, ofrecendo a maior seguridade aos nenos que gocen del. Así mesmo contémplase realizar todos os traballos propios deste tipo de obras, como é a canalización de pluviais, colocación de puntos de luz, e canalización de auga potable para abastecer á pequena fonte billa que se colocará no propio parque.

Os nenos do Carballiño poderán gozar destas novas instalacións nun prazo aproximado de 3 meses. No parque colocaranse catro elementos para a diversión dos pequenos. Un bambán dobre, dous móbiles de coche e moto, e un conxunto de catro torres con pasarelas e tobogán. Todo o chan deste parque estará realizado en caucho, tal e como considera a normativa para este tipo de espazos infantís. Por último colocaranse algunhas árbores, que nunca taparán a perspectiva do templo da Veracruz, e un banco corrido pegado ao peche perimetral.

Esta obra terá un custo de 41.300 euros, que será financiada a través dos plans provinciais.

Sobre este parque infantil situarase o parque biosaludable, con catro elementos para a realización de exercicios, e destinado ás persoas maiores. Estes elementos estarán colocados fronte aos soportais de Florentino López Cuevillas, e tamén contarán con sombra natural procedente das árbores que se plantarán para tal fin.

Todos os elementos tanto do parque infantil coma do parque biosaludable terán un investimento de 50.000 euros, financiados completamente pola Deputación Provincial de Ourense.

14 de novembro de 2013 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.