Comezan as obras de pavimentación na rúa Arxentina e un tramo da avenida Manuel Fraga
As obras incluídas no proxecto de pavimentación da rúa Arxentina e dun tramo da avenida Manuel Fraga Iribarne, ambas situadas no casco urbano da Laracha, están en marcha e a pleno rendemento.
Por unha banda, está a ser renovada a superficie de rodadura na rúa Arxentina, desde a rúa Santa Lucía e ata o seu punto de confluencia coa rúa David Mallo Gómez. Por outra parte, na avenida Manuel Fraga Iribarne foi ancheada a calzada e está a ser renovado o pavimento no tramo que vai precisamente entre as interseccións coas rúas Arxentina e Plácido Pedreira. En ambos casos as pavimentacións realizaranse con aglomerado asfáltico en quente. A continuación, os traballos concluirán coa correspondente sinalización vertical e horizontal.
Deste xeito o Concello da Laracha mellorará as comunicacións entre a estrada provincial CP-2404 (A Laracha-A Silva, unha das vías máis importantes do municipio) tanto co núcleo de Leborís como coa rúa Manuel Murguía (a través da rúa Plácido Pedreira), na que se concentran importantes instalacións educativas (IES Agra de Leborís), culturais (Casa da Cultura e biblioteca) e deportivas (complexo da piscina municipal).
Esta actuación, que suporá un investimento próximo aos 40.000 euros, é financiada integramente con fondos propios municipais e por medio da modificación orzamentaria aprobada polo Pleno celebrado no pasado mes de setembro.











