Comezan as obras de modernización da fonte de Catro Camiños
O Concello da Coruña informa de que hoxe, mércores 13 de novembro, empeza a execución da obra de modernización da fonte ornamental de Catro Camiños, que este ano cumpre o seu 50 aniversario. O Goberno municipal realiza un investimento de 148.776 euros na reforma e recuperación da instalación, considerada un dos referentes arquitectónicos da cidade. A Concellaría de Infraestruturas tamén arranca hoxe a mellora da iluminación pública en sete vías da cidade, cun presuposto final de 157.526 euros. Entre ambos os dous proxectos, o investimento supera os 306.000 euros.
A Concellaría de Infraestruturas ten como un dos seus grandes obxectivos a recuperación e modernización dos espazos públicos, polo que o proxecto de Catro Camiños se encontra entre as súas principais prioridades e supón concluír unha serie de obras executadas no último ano e que permitiu a renovación do barrio. A fonte presenta un mal estado de conservación, ademais de dispoñer dunha tecnoloxía obsoleta que penaliza o custo de funcionamento. Neste sentido, actualmente existen filtracións dende o vaso á sala de bombas e fallos na iluminación motivados polas avarías constantes nas caixas dos proxectores, posto que non son estancas.
O Concello logrou aforrar 36.500,79 euros con respecto ao presuposto de licitación do proxecto (unha rebaixa do 19,7%) ao adxudicar a obra por 148.776,76 euros. A fonte ornamental de Catro Camiños require unha profunda remodelación e, posto que presenta un nivel de automatización e de complexidade técnica importante, optouse por contratar de xeito conxunto tanto a elaboración do proxecto coma a súa execución.
A reforma implicará que se manteña a situación e a estrutura arquitectónica actual da fonte ornamental -cos seus tres estanques a distinto nivel- e contribuirá á modernización da instalación eléctrica e hidráulica para fomentar a eficiencia enerxética e a automatización e telexestión do recinto -xestión remota e programación de eventos-. A auga será o elemento protagonista e estará en movemento mediante xogos de auga e iluminación nocturna. Ademais, existirá un sistema de drenaxe que permita o baleirado completo da fonte, empregaranse materiais construtivos que eviten a corrosión e garantirase a calidade microbiolóxica da auga cun mecanismo de filtración axeitado.
A fonte ornamental de Catro Camiños é un referente social na cidade. Inaugurada en setembro de 1963, a instalación foi deseñada pola coruñesa Milagros Rei Home, primeira arquitecta de Galicia e terceira de España; mentres que a maquinaria é obra de Emilio González. A fonte é de formigón, con textura imitando pedra, cun diámetro aproximado de 16 metros e tres estanques circulares concéntricos construídos a distintas alturas e unidos mediante unha fervenza.
ILUMINACIÓN PÚBLICA
A Concellaría de Infraestruturas tamén informa de que hoxe empezan os traballos de mellora eficiente da iluminación pública en sete puntos da cidade. En concreto, trátase da rolda de Camilo José Cela, Cantóns e Sánchez Bregua, avenida da Universidade, número 67 da praza da avenida de Arteixo, Jacinto Benavente, praza Casares Quiroga e avenida de Rubine. As melloras permitirán aforrar 15,7 kw/h.
Infraestructuras investirá 157.526,25 euros, o que supón unha redución do 30,5% (máis de 69.000 euros) con respecto ao presuposto de licitación, fixado en 226.656,47 euros.
– Rolda de Camilo José Cela. A actuación consiste na desmontaxe e retirada da instalación existente e a posterior instalación de 17 conxuntos de luminarias que permitirá reducir o consumo enerxético nun 30%.
– Cantóns e Sánchez Bregua. A obra inclúe desmontaxe e retirada de 28 unidades de luminarias do vial e a substitución dos grupos ópticos nas luminarias peonís. Con esta solución reducirase o consumo nun 37%.
– Avenida da Universidade. Os traballos consisten na reposición das 10 columnas eliminadas e a ampliación da instalación.
– Praza da avenida de Arteixo, número 67. Desmontaranse e retirarán as 14 luminarias existentes, que se substituirán por outras de tipo LED, o que levará consigo un aforro do 70%.
– Xacinto Benavente. Substituiranse 38 lámpadas e instalaranse dúas novas co fin de reducir o consumo enerxético nun 40%.
– Praza Casares Quiroga. A actuación inclúe a desmontaxe e retirada das instalacións existentes e posterior substitución por 28 luminarias tipo LED. Conséguese reducir nun 72% o consumo.
– Avenida Rubine. Como nos casos anteriores desmontarase e retirará a instalación existente e substituirase por tecnoloxía LED co conseguinte aforro do 70% de enerxía.











