Comeza o XV Trofeo Porto de Vigo con vitoria do Aceites Abril

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Deportes ► Vigo ▼
A-
A+

O pasado sábado daba comezo na Ría de Vigo o XV Trofeo Porto de Vigo para Cruceiros ORC e Monotipos Platú 25, que un ano máis conta co patrocinio da Autoridade Portuaria de Vigo e a organización do Real Club Náutico de Vigo.

Esta regata consta de catro etapas ademais da xa realizada, que se celebrarán os sábados 23 e 30 de Novembro e 7 de Decembro de 2013. Como novidade este ano, no caso de celebrarse tres ou catro das probas previstas os participantes poderán desbotar o peor dos seus resultados, polo que se esperan aínda novas incorporacións para a próxima etapa.

A primeira xornada de competición desenvolveuse cunhas condicións perfectas para a práctica da navegación a vela, con vento do noroeste de forza 3-5, que permitiu a realización dunha regata de 10 millas de percorrido.

Excelente arranque do Aceites Abril dos irmáns Pérez Canal, que lideraron a regata dende o principio vencendo sen problemas, mentres que o percorrido era moito máis disputado para o Bosch Comunication Center, Dom Pedro Hotels e Starfigther, que se intercambiaron posicións durante toda a proba.

O vencedor en clase regata era así o Aceites Abril, seguido de Dom Pedro Hotels de Javier Santander e o Starfigtherz de Julio Rodríguez. En regata cruceiro, vitoria para o Bosch Comunication Center de Ramón Ojea, seguido do Tintarán II de Jorge Enriquez e o Altamar Diez de Juan González. En cruceiro-regata vencía El Arroutado II de Jacobo Vecino, tras o que se situaba o Baltea de Jesús Blanco e en terceiro lugar Punta Lagoa representando o devandito Club. Por último, na categoría cruceiro-extra primeira posición para o Deep Blue de Vicente Cid, seguido do Sailway 1 e o Bretón de Luis Eguizabal.

Todo disposto así para a celebración da segunda etapa deste XV Trofeo Porto de Vigo o sábado 23 de novembro a partir das 15.00 horas na Ría de Vigo

19 de novembro de 2013 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.