Comeza o obradoiro de emprego de Cambre que dá traballo a trinta desempregados

Participantes no obradoiro
A concelleira de Emprego, Marta Vázquez, visitou hoxe o Centro de Formación Municipal no Polígono Industrial de Espítiru Santo tras dar comezo esta semana o obradoiro de emprego e que formará e empregará case 30 cambreses no campo da Atención Socio sanitaria. A edil popular desexou sorte aos alumnos do taller e pediulles que aproveiten ao máximo estas accións formativas porque é a mellor opción para entrar no mercado laboral. “Somos conscientes do momento no que nos tocou gobernar e por iso debemos seguir apostando pola formación práctica nas ramas que teñen mellor saída ao mercado laboral. Creo sinceramente que a Atención sociosanitaria é unha desas ramas, por iso pídovos que vos esforcedes ao máximo co obxectivo de que cando finalice este taller teñades máis oportunidades de acceder a un posto de traballo neste campo”, explicou a concelleira.
Deste xeito o obradoiro contratará 22 alumnos dedicados á Atención Sociosanitaria en institucións sociais, unha rama formativa que o Centro de Formación Municipal ten homologada e que xa se imparte dende hai anos neste centro formativo.
Segundo a edil de Emprego, Marta Vázquez Golpe, o máis importante do programa é que se levarán a cabo contratos durante seis meses para desempregados de Cambre, posto que se trata dun programa mixto de formación e emprego, nos cales os alumnos traballan e saen ao mesmo tempo co seu certificado de profesionalidade. Así, a intención do grupo de goberno cambrés que os alumnos se formen nunha actividade que nestes momentos ten moita demanda como é a atención sociosanitaria a persoas nos centros especializados de atención a persoas como unha válida alternativa laboral. A subvención concedida ascende a un total de 195.435 euros, que sufragará os gastos de 7 técnicos entre os que se encontran os docentes e o persoal administrativo e os salarios dos 22 alumnos. A duración do Obradoiro de Emprego durará seis meses, sendo o salario dos alumnos seleccionados algo superior ao mínimo interprofesional. O concello xa formalizou convenios de colaboración con varias entidades relacionadas co sector sociosanitario e que son de carácter non lucrativo como por exemplo ASPACE, Aspronaga, Residencia de Maiores de Oleiros, Paimeni.











