Comeza no Fórum Carballo o curso “Plan Xeral Contable” do que se benefician 20 usuarios da BDT

Participantes no curso
Comeza o curso “Plan Xeral Contable” da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) e do que se benefician un total de 20 usuarios e usuarias do servizo de busca de emprego local. Está previsto que teña 60 horas de duración repartidas en tres semanas en horario de mañá de 9.00 a 13.00 horas. Accederon a el de forma gratuíta persoas rexistradas na BDT con perfil académico de ciclos formativos medios ou superiores (FPII, Diplomaturas, Licenciaturas, Graos, etc.) en temas relacionado coa contabilidade (Administración e Finanzas, Empresas, Economía, Administrativo, etc.).
Trátase dunha acción formativa baseada sobre todo nos aspectos prácticos en Contabilidade que lles permita aos alumnos e alumnas comprender cómo se realizan e formulan os estados financieiros a partir das anotacións contables e dominar os fundamentos da contabilidade e a normativa na que se apoia. Así mesmo, o Fórum acolle tres cursos do plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) dos que nestes días principian as prácticas nas empresas.
Trátase dun curso de Cociña de 828 horas de duración; un de Soldadura con eléctrodo revestido e TIG de 758 horas; e un curso de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios de 458 horas. Son accións dirixidas a persoas desempregadas e estanse desenvolvendo dende mediados do verán aproveitando as instalacións dos talleres de hostalería, electricidade e soldadura situados nas naves do Fórum. No caso do curso de cociña colaboran nove empresas e o período de prácticas transcorre entre o 25 de novembro e o 9 de decembro; no de instalacións electrotécnicas colaboran seis empresas e as prácticas comezaron o venres 8 de novembro e duran até o 21 do mesmo mes; e por último, no de soldadura as prácticas empresariais transcorren entre o 29 de novembro e o 5 de decembro e colaboran sete empresas. Todas as entidades que acollen ao alumnado de prácticas desenvolven actividades directamente relacionadas cos contidos do curso. Cada acción formativa conta un total de 15 alumnos e alumnas que, despois da súa experiencia práctica, rematarán o curso co desenvolvemento dos dous últimos módulos. O primeiro trata sobre Formación para a igualdade e o segundo sobre Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero.
Para obter máis información sobre os cursos e actividades da Bolsa de Traballo Municipal ou sobre a oferta de cursos formativos tanto AFD como doutra natureza que se desenvolven no Fórum Carballo no marco do Centro Municipal de Formación, os interesados e interesadas poden dirixirse ao propio Fórum Carballo, na Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n do barrio da Milagrosa. Ou ao teléfono de contacto 981 709 010. Así mesmo, a BDT dispón dunha conta de Twitter @bdtcarballo.











