publicidade hoxe

Comeza no CEIP de Cartelle inicia o programa “Nunca sen almorzo” para fomento dunha alimentación saudable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCartelleOurense
A-
A+

O CEIP “San Marcos”, na localidade ourensá de Cartelle, acolleu esta mañá o comezo do programa ‘Nunca sen almorzo’ que forma parte das actividades de promoción da saúde que promove en Ourense a Consellería de Sanidade, e que se oferta aos centros escolares para fomentar o hábito do almorzo e, así, lograr unha alimentación saudable e mellorar a saúde bucodental no alumnado.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado pola alcaldesa de Cartelle, Carmen Leyte, e pola xefa territorial da Consellería de Sanidade, María Villar , acudiu ao arranque desta actividade e animou aos 44 alumnos que ten este centro a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á alimentación, na procura de axudar a xerar costumes e actitudes saudables que contribúan ao seu crecemento. Martínez díxolles aos máis pequenos que “para render no colexio e ter folgos durante toda a xornada escolar é fundamental almorzar axeitadamente”.

A actividade está dirixida ao alumnado dos ciclos educativos de Infantil e Primaria. Comezou cunha charla formativa, impartida por unha técnico de Saúde Pública, dirixida soamente aos 32 alumnos de Primaria. De seguido, a totalidade do alumnado participou na elaboración e degustación de almorzos saudables. Continuando a experiencia iniciada o ano pasado o programa Nunca sen almorzo inclúe unha actividade dirixida soamente ao alumnado de Infantil. Así, os 12 pequenos deste ciclo, logo do almorzo, participaron nun obradoiro de traballo con recortables no que tiveron que lembrar e seleccionar alimentos que si deben formar parte dun bo almorzo e os que se deben rexeitar.

En total, en Ourense preto de 900 nenos de 21colexios da provincia, con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos, participarán nos almorzos saudables que se prolongarán ata o mes de abril.

A actividade ten lugar en horario lectivo e o centro educativo faise cargo do almorzo, coa participación do profesorado e tamén dos pais e nais. Esta colaboración entre o centro educativo e as familias faise imprescindible para potenciar o efecto funcional da actividade e aumentar así a repercusión na actividade cotiá do alumnado.

Obesidade infantil

Actualmente, no noso país, un dos problemas de saúde máis importante, pola alta morbilidade que produce, é a obesidade, que nos últimos anos está a sufrir un incremento, especialmente nos rapaces. As últimas estatísticas apuntan que un 55% de rapaces galegos teñen exceso de peso.

A obesidade, principal factor de risco para un elevado número de enfermidades crónicas (diabetes tipo II, enfermidades cardiovasculares,..) está directamente relacionada cos hábitos de vida. Un dos factores predominantes á hora de previr na idade infantil a súa aparición é a primeira comida do día: o 58% dos nenos con exceso de peso manifestan non almorzar nunca ou facelo menos de 3 días na semana.

Actividades saudables

Ao longo do presente curso escolar a Xefatura Territorial de Sanidade desenvolverá accións didácticas orientadas á promoción da saúde en máis de 70 centros escolares da provincia, no marco de catro programas. Ademais de “Nunca sen almorzo”, desenvolveranse “Clases sen fume”, “Aprendendo a crecer san” e “Condutas Aditivas” que tentarán mentalizar ao redor de 7.000 mozos sobre a importancia de coidar a alimentación, practicar exercicio e evitar hábitos nocivos para a saúde.

18 de novembro de 2013 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.