Cine Amal e teatro do Andamio entre as actividades culturais de Carral
CONTINÚA ESTE VENRES A MOSTRA DE CINE AMAL CON DÚAS PROXECCIÓNS
A Mostra Amal de cine árabe que se desenvolve na Casa da Cultura de Carral, continúa este venres coa proxección da curtametraxe Eid, que narra como un artesán do plástico fabrica en Palestina obxectos con pezas de refugallo; e a longametraxe holandesa Rabat, que aborda a problemática do conflito entre os valores de modernidade e tradición que vive a poboación inmigrante nas sociedades occidentais.
As proxeccións comezan ás 20:30 h. A entrada é de balde ata completar o aforo.
TEATRO DO ANDAMIO PRESENTA “MIAU” PARA NENOS DE 1 A 4 ANOS
A compañía coruñesa Teatro do Andamio representará este sábado a obra Miau, dirixida a nenos e nenas de 1 a 4 anos de idade.
A obra está incluída no ciclo de teatro que está a desenvolver a Concellería de Cultura do Concello de Carral no local Xente Nova de Tabeaio. A función comezará ás 18:00 h, con entrada libre ata completar o aforo.
Miau está dirixida por Álvaro Guevara e Tatiana Likhacheva e conta o que lle acontece a Lola, unha nena, que como moitas outras, cando a súa nai marcha traballar, queda soa. Lola rí, xoga soa, xoga con Gonza, o seu boneco amigo e con Nemo… pero máis que nada xoga con Valen irmá que aínda non naceu… pero que xa está aquí. De súpeto soa o reloxo e todo cambia. Até que chega seu avó e a leva ó parque.











