Cinco restaurantes de Mos servirán pratos elaborados con setas con motivo das X Xornadas Micolóxicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Cinco restaurantes de Mos ofrecen xa, e dende o pasado mércores, pratos preparados con setas ó participar na iniciativa das X Xornadas Micolóxicas. Estes cinco restaurantes participantes nas Xornadas son Adega da Tía Carmen, O Cabaliño, Tapería Lano, O Alpendre e Tapra.

Os amantes das cociña e gastronomía micolóxicas poden desfrutar xa, polo tanto, da degustación dos máis variados pratos preparados e acompañados de setas e cogomelos; dende primeiros, a pratos principais e ata postres, pasando por menús degustación que inclúen unha gran variedade de pratos e que algúns destes negocios de hostelería lles ofrecerán tamén ós seus clientes. Haberá tamén pratos de tódolos prezos e adaptados a tódolos bolsillos, dende as tapas máis económicas ata os bocados máis sofisticados.

Ademais, os clientes destes restaurantes terán un aliciente durante as Xornadas Micolóxicas deste ano para facer a ruta ou percorrido polos cinco. E é que a gran novidade desta X Edición é a creación dun cupón con cinco casiñas a selar correspondentes a cada un dos cinco restaurantes participantes nas Xornadas e que, unha vez cumprimentado cos cinco selos, o seu portador poderá depositalo nun dos buzóns habilitados a tal fin tamén nos cinco locais, e pasará a participar no sorteo dunha noite de hotel máis spa.

As xornadas de degustación nos restaurantes rematarán o domingo día 1 de decembro. O sorteo levarase a cabo o 3 de decembro, data na que se fará pública a identidade do gañador do mesmo.  

5 de novembro de 2013 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.