publicidade hoxe

Chispetren, Anadarivel e Piko Norte mandan na segunda manga da XI Regata Eduardo Varela e Hijos de Rianxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaRianxo
A-
A+

O 23 de Novembro como estaba previsto celebrouse a segunda manga da XI edición da Regata Eduardo Varela nas instalacións do Club Náutico de Rianxo. Amenceu un día asollado que convidaba á flota a practicar a navegación. Isto fixo que practicamente todas as unidades que participaron na primeira manga asistisen tamén a esta segunda, con algunha nova incorporación.

Aínda que a previsión para a zona era de ventos frouxos do nordeste, os participantes xa están afeitos a que na ensenada de Rianxo o norte sexa duro e complique a navegación pola súa intensidade e cambios de dirección e forza repentinos. Estas circunstancias padeceunas o “Sempre volve” de  Luís Miguel González do CN Caramiñal que tras virar a a baliza de desmarque na manobra de izada de spi sufriu unha rotura de tangón, a pesar do que completou a proba.

O vento xeneroso unha vez máis, do nordeste, durante toda a proba, oscilou entre os 14 e 20 nós.

Tomouse a saída ás 13 horas tres categorías co tres categoría establecidas na primeira manga, Regata, Cruceiro-Regata e Cruceiro. Gardouse un minuto de silencio antes de iniciar o evento polo falecemento dunha familiar do patrocinador.

Deseñouse un percorrido de 11 millas con saída nas inmediacións do club virada por estribor na baliza de desmarque, novamente estribor no Seixo e Moscardiño e Seixo por babor para chegar a Rianxo.

Na Categoría Regata o Chispetren de Jesús Igrexas realizou unha gran proba e xa desde o inicio do percorrido deu mostras das súas intencións navegando nas primeiras posicións para avantaxar ao Corsario VIN de Javier Duran que fixo un segundo na chegada tras a compensación de tempos. O Ziralla de Ramón Barreiro obtivo a terceira praza da categoría e afiánzase nesta posición tras a realización das dúas probas.

Foi dura a cinguida cara a Rianxo con momentos de gran intensidade de vento optando moitas unidades por reducir trapo neste tramo.

Na categoría Cruceiro-Regata, o Andarivel de Emilio Patiño mantén o seu bo ritmo e desde a saída, que foi moi rifada, asentouse na primeira praza desta clase. A incorporación á proba do Fixius de Miguel Pérez Lafuente fixo que se intensificase a loita durante todo o percorrido, mantendo unha dura pugna co Andarivel e as Viaxes Atlántico de José Manuel Pombar polas primeiras posicións. Finalmente e con escasa marxe o Fixius alzouse coa segunda posición e as Viaxes Atlántico coa terceira.

Sorprendente o Piko Norte de María José Seoane na categoría Cruceiro. Navegou desde as últimas posicións na saída  para entrar coas unidades da categoría Cruceiro-Regata e alzarse coa vitoria da súa clase. O Travesío de César Martínez entrou na segunda posición seguido polo Thor II de Guillermo Varela.

Estes resultados apertan a loita na categoría Regata onde Chispetren e Corsario manteñen as espadas no alto de face a última proba mentres o Ziralla ten practicamente asegurada a terceira posción. Esta situación repítese na categoría cruceiro onde Travesio e Piko Norte terán que verse as caras na última proba en igualdade de condicións para optar ao triunfo mentres o Thor II é o candidato con maiores opcións para obter a terceira praza.

Na categoría cruceiro-regata o Andarivel ten practicamente asegurada a primeira praza e as Viaxes Atlántico a segunda. Rafgas, Sampaio e Fixius teñen opcións para disputar a terceira praza desta categoría.

O día 14 de Decembro realizarase a última manga deste tradicional trofeo Eduardo Varela e Fillos. Nesta manga realizarase a entrega de trofeos.

 

26 de novembro de 2013 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.