Cedeira revitalizará o Parque do Floreal para gañar funcionalidade
O Concello de Cedeira proxecta levar a cabo nos próximos meses unha intervención urbanística que permitirá poñer en valor o emblemático parque do Floreal. Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Luis Rubido, redefinirase o espazo co ánimo de gañar en funcionalidade e amplitude. Para iso, o Concello tomará como exemplo a arquitectura urbana da Praza do Sagrado Corazón e, dende o punto de vista estético, inspirarase na configuración do antigo parque pista Floreal. O obxectivo non é outro, en palabras de Luis Rubido, que humanizar un espazo con gran significado na memoria colectiva dos cedeireses e que, na actualidade, constitúe unha importante zona residencial e polo de actividade hostaleira, decenas de negocios situados nos baixos dos inmobles con soportais que rodean o lugar.
Malia ambas as dúas circunstancias, o Concello considera que o parque non cumpre día de hoxe ao 100% a súa función de zona de encontro e estanza e neste sentido está disposto a sacalo maior rendemento aos 2.463 metros cadrados que ocupa. Así, Luis Rubido explica que o proxecto ideado polo goberno municipal busca sumar novos atractivos á pista deportiva e a zona de xogos infantís existentes. En primeiro lugar, e próxima a esta última, crearase o primeiro parque xuvenil de Cedeira. Unha área para nenos e mozos de entre oito e catorce anos que constará dunha pequena plataforma skate, zona de estar en bancada e macro xadrez. Pero, sen dúbida, a intervención que traerá consigo o cambio máis substancial será o acondicionamento como zona verde e de estanza da superficie de terra que define a metade da praza. Un área que pasará a estar acoutada en toda a súa extensión por uns xardíns con diferentes entradas a un espazo central -de dimensións similares ao do parque do Sagrado Corazón- pavimentado con cemento imprimido simulando lastra en diferentes grosores. Todo iso, salpicado polos árbores centenarias que se encontran na zona. Con grandes soportes asentados en pedestais imitando os que ocuparon a praza orixinaria. Tamén desa época, con aires indianos, instalarase unha balaustrada para acoutar o espazo reservado ao xogo dos máis pequenos.
Un espazo con bancos para o descanso e itinerarios peonís definidos, diáfano na súa zona central para favorecer a celebración de eventos como verbenas. Recuperando así algo de aquel parque pista do Floreal que moitos conservan na súa memoria. Uns anos nos que no lugar se concentraba o Cine Floreal -que tempo máis tarde daría nomee ao barrio-, o salón de baile cuberto de inverno, unha cafetaría, un salón de vodas, un xardín con especies traídas de América e pista de baile de verán nun pequeno bosque.
Un fervedoiro de actividade que anos máis tarde cambiou de donos e, progresivamente, foi perdendo capacidade de atracción. E cuxo soar central, xa na década dos 80, o Concello adquiriu. Agora, o goberno municipal de Cedeira busca revitalizar o espazo e, para emprender este proxecto, recorrerá ao Programa de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña. Financiará así o seu presuposto, valorado nuns 140.000 euros. A contía pendente da subvención, outros 100.000 euros destinaranse á zona rural, máis concretamente ao condicionamento de pistas e camiños. Deste modo, o Concello desbota a posibilidade de destinar, como permite o programa, fondos para gasto corrente e opta por dirixilos a investimento.











