Carnota, Camariñas e Muxía únense no tema Stolt Sea Farm
Os alcaldes de Carnota, Camariñas e Muxía queren trasladar á opinión pública a preocupación polas consecuencias sociais que pode xerar a ruptura das negociacións para o convenio colectivo entre a dirección de Stolt Sea Farm e o Comité de empresa.
Por iso, dende a responsabilidade, os alcaldes instan á Consellaría do Medio Rural e do Mar e á Consellaría de Traballo a implicarse de xeito inmediato no conflito laboral rexistrado nesta empresa, co obxectivo de evitar un conflito socio-laboral nos centros de traballo que Stolt Sea Farm ten na Costa da Morte.
Os representantes dos tres Concellos chaman á Xunta de Galicia a convocar con urxencia unha reunión na que teñan presenza todas as partes implicadas (empresa, representación sindical, consellarías e concellos afectados) para retomar a senda do diálogo e buscar unha saída negociada que impida un conflito socio-laboral, a todas luces evitable e que non resulta beneficioso para ningunha das partes.
Sendo conscientes dos beneficios que a instalación destas plantas supoñen para o desenvolvemento económico e social da zona, tamén existe unha fonda preocupación nos gobernos municipais polas consecuencias que as decisións desta empresa da acuicultura poidan ter no mantemento dos empregos e nas condicións de traballo e, polo tanto, na consecución dunhas condicións de vida dignas para os veciños e veciñas.
Por todo isto, anímase á empresa a practicar un exercicio de responsabilidade para fomentar o entendemento, especialmente tendo en conta que non existen causas obxectivas que xustifiquen as medidas de axuste que se pretenden aplicar, e sen esquecer as facilidades administrativas que até agora se lle ofreceron para a instalación das plantas en terreos privilexiados do noso litoral, así como as axudas públicas recibidas para o desenvolvemento da actividade económica.