Carballo pon en marcha unha Aula de Gravado gratuíta nas instalacións do Fórum

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís e grazas á iniciativa do artista Manuel Facal Ponte, pon en marcha a partir do mes de novembro unha Aula Municipal de Gravado dirixida a artistas profesionais ou semi profesionais e situada no Fórum Carballo. O obxectivo, segundo explica Manuel Facal, é que “xente nova, con ganas de iniciar un proceso creativo” teñan a oportunidade de formarse nunha técnica como o gravado, á que “é moi difícil de acceder” e que tan só está dispoñible en Galicia nas escolas de Belas Artes ou no Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC) de Betanzos.

Segundo Facal Ponte, a súa intención é que, baixo a súa supervisión, se emprendan entre un e dous meses de formación para “xente que teña unha base artística” coa arela de que, unha vez que Facal Ponte abandone o proxecto, poida xurdir o interese de que alguén tome o relevo, continuando co uso das instalacións do Fórum e o taller de gravado. Segundo Mar Eirís, con este obradoiro preténdese apoiar non só a difusión, mais tamén a creación cultural especialmente entre os artistas locais. Hai que subliñar que a actividade é gratuíta, que o material necesario será achegado polo Concello e que a inscrición está aberta entre o martes 5 e o luns 11 de novembro no Pazo da Cultura. O horario previsto é de tres días á semana pola tarde, de 19.00 a 21.30 horas, aínda que é posible adaptar este horario dependendo das necesidades das persoas que finalmente se anoten e escoitando as súas suxestións.

O obxectivo é crear dous grupos de traballo dun máximo de dez persoas e a admisión realizarase, en primeiro lugar, atendendo á formación artística do solicitante, xa que non se trata de ofrecer un pasatempo, senón unha unha oportunidade creativa para artistas tanto noveles como cunha recoñecida traxectoria. En caso de moita demanda, atenderase tamén a orde de inscrición. Está previsto que as primeiras sesións formativas teñan lugar a partir do 19 de novembro. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quere agradecer a colaboración de Manuel Facal Ponte por “achegar a este pobo as súas capacidades” non só como artista, despois de doazóns como as esculturas “Escalo” e “Peixe” para dúas glorietas do municipio, ou a serigrafía “Grama”, unha obra súa dos anos 70 que permanecerá no Fórum Carballo; senón tamén como mestre a través desta Aula. Ferrero explica que este taller “era unha aspiración do Concello dende hai tempo”, e que leva xerándose a través de contactos e de visitas como a realizada ao CIEC de Betanzos o pasado verán.

Así mesmo, o Alcalde manifestou o desexo, tanto de Facal Ponte, como do propio Concello de que esta iniciativa, en principio dun máximo de dous meses de duración, sirva para “continuar co legado” do artista e teña continuidade no tempo.

4 de novembro de 2013 | 15:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.