Carballo asina un convenio coa Asociación As Eiroas para reforzar a vixilancia para mellorar a vixilancia no parque empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente da Asociación As Eiroas de empresarios e propietarios do Polígono de Bértoa, Antonio Gómez Caamaño, veñen de asinar un convenio de colaboración co obxecto por parte da administración local de apoiar a actividade empresarial e industrial e contribuír no posible a mellorar as condicións de seguridade na contorna do Parque Empresarial de Bértoa.

Así, a finalidade do acordo é establecer un marco de colaboración entre as entidades asinantes para a instalación dun sistema de vídeo vixilancia no Polígono co obxecto de mellorar a seguridade, reducir o número de incidencias e paliar o custo que supón para o sector empresarial o mantemento dun servizo de vixilancia privada. O Concello de Carballo comprométese a colaborar coa Asociación As Eiroas coa achega de 7.500 euros -o 80 por cento do custo total do equipamento e instalación, que ascende a 11.829,28 euros- para a ampliación do sistema de vídeo vixilancia, incluíndo a instalación de tres novas cámaras e un sistema de control a distancia que permita ver as imaxes dende calquera punto do polígono a través dunha tablet.

Tanto dende a entidade como dende o Concello manifestaron a súa satisfacción pola subscrición deste acordo, o primeiro que se establece entre as dúas entidades, nunha colaboración que ambas partes esperan que poida continuar no futuro. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar a vontade do Concello de seguir colaborando con todo o tecido empresarial, e que, especialmente na conxuntura actual “sigan renovándose os acordos e incluso ampliándose as colaboracións”. Así, a Asociación As Eiroas era a única entidade de empresarios e comerciantes coa que o a administración local non tiña subscrito ningun convenio, algo que se subsana con este acordo e que manifesta a intención do Concello de seguir “apoiando a todo o tecido empresarial”, como xa se fai con entidades como o CCA Carballo, Axober (Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños) ou a Cámara de Comercio, segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

O obxectivo segue a ser “que exista unha colaboración anual con todas as persoas que axudan a xerar emprego”. Outro dos proxectos pendentes con As Eiroas é o traslado dos empresarios ao edificio do CPEC (Centro de Promoción Económica do Concello) para ofrecerlles “unhas mellores infraestruturas” e dotar aos empresarios “dunha mellor visibilidade”, nun edificio perfectamente equipado e situado á entrada do Parque Empresarial, segundo explica Regueira. Espérase que o traslado poida realizarse en 2014.

25 de novembro de 2013 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.