Carballo acolle a fase final da Copa Galicia de Baloncesto en categoría infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+
Presentación da fase final da Copa Galicia de Baloncesto

Presentación da fase final da Copa Galicia de Baloncesto

O Pavillón Vila de Noia da capital municipal acolle o domingo 10 de novembro a fase final da Copa Galicia de Baloncesto en categoría Infantil masculina na que participa o Escola Basket Xiria. Enfrontarase ao Sigaltec Vilagarcía, ao Seis do Nadal Coia e ao Instituto Rosalía pola victoria neste torneo no que se dan cita os mellores xogadores galegos da categoría, moitos deles integrantes da selección galega de baloncesto e incluso da selección española. O adestrador do Basket Xiria, Arturo Ferraces, explica que a competición a inaugura o equipo local contra o Vilagarcía coa primeira semifinal ás 10.30 horas; ás 12.30 ten lugar a segunda semi entre os outros dous equipos e as finais son pola tarde, coa loita polo terceiro e cuarto posto ás 17.00 horas e a final ás 19.00. Ferraces subliña que preto do 90 por cento dos integrantes da selección galega estarán en Carballo o domingo, polo que espera que o público se anime a gozar dos partidos, especialmente nunha “categoría especial” na que se practica un “baloncesto moi bonito”. Da mesma opinión é o Vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto (Fegaba), José Manuel Villamarín, que describiu a cita como “unha boa oportunidade para ver aos mellores xogadores do momento”.

Villamarín tamén quixo agradecer a disposición tanto do Concello como do Escola Basket Xiria para acoller esta e outro tipo de citas importantes no calendario da Federación. Pola súa banda, Diego Vázquez, presidente de Escola Basket Xiria, subliñou que esta cita é “un paso máis” para o club na organización de eventos deportivos. Agradeceu a predisposición da Federación Galega, que “enseguida aceptou a proposta” e subliña que Carballo está camiño de converterse nunha “referencia” no baloncesto de base. Por último, desexou que a cita sexa un “éxito de participación e público”. Pechou o acto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que estivo na cita acompañado do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. Ferrero felicitou á Escola “polo excelente traballo que están a facer” e considera que esta cita “é unha oportunidade magnífica para gozar do baloncesto”.

Manifestou a vontade do Concello de seguir “sempre apoiando o deporte de base”, nun municipio en que hai equipos federados en case todas as disciplinas deportivas dispoñibles para cativos e cativas. Por último, este torneo no que tres dos catro equipos que participan chegaron invictos á fase final, (todos excepto o Instituto Rosalía), está organizado, ademais de pola Escola Basket Xiria, polo Concello de Carballo e a Fegaba. Colaboran a Deputación da Coruña, Carballo Deporte, Conservas Calvo e Construcciones Ramón Vázquez y Reyno.

7 de novembro de 2013 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.