Campaña de recollida de mantas do programa “sos social” en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe da apertura da campaña de recollida de mantas do programa “SOS Social Ferrol”, que deberán ser entregadas no local da Asociación Socio-Cultural de Minusválidos (ASCM), situado no barrio de Esteiro. Esta roupa de abrigo será posteriormente distribuída entre as persoas sen teito e transeúntes que non teñen praza no refuxio Pardo de Atín, que non queren acudir ao mesmo por non estar suxeitos as normas de utilización ou grupos de inmigrantes que permanecen temporalmente na cidade. Durante a campaña do pasado ano 2012 foron recollidas 80 mantas.

A edil responsable das políticas sociais do Concello de Ferrol tamén informou sobre o balance do programa “SOS Social”, que proporciona unha resposta inmediata para paliar calquera situación de emerxencia social, tanto individual como colectiva, a través de chamadas telefónicas de contido social, apoio e acollida. Este servizo social realiza desprazamentos ao lugar onde ten lugar a situación social, sexa domicilio participar ou vía pública; acompañamento á persoa ao equipamento que mellor responda ás súas necesidades; ou aplicación dos recursos dispoñibles para remediar a emerxencia social. “SOS Social” funciona os 365 días do ano, en horario de 22:00 a 08:00 horas, a través do teléfono gratuíto: 981 94 94 94. Así mesmo, o servizo dispón de tres vehículos con capacidade para 5 e 9 persoas ou varias cadeiras de rodas e ten habilitada unha sala de acollida.

No que atinxe a datos, entre xaneiro e novembro do presente ano, foron rexistradas un total de 342 intervencións do “SOS Social”, sendo o mes de xaneiro o de maior número de actuacións debido á época de frío. Neste senso, as chamadas telefónicas recibidas ascenden a 173, sendo novamente xaneiro o mes de maior número de xestións. Un total de 79 persoas fixeron uso do local de acollida -57 homes e 12 mulleres-, dos que 16 eran estranxeiros, 30 usuarios de Galicia e os restantes de diferentes puntos de España,  destacando Madrid, Andalucía, Asturias e Cataluña.

Ampliación do prazo de “Agasallos de Nadal”

Rosa Martínez tamén informou sobre a ampliación do prazo de solicitude para beneficiarse da campaña “Agasallos de Nadal 2013”. Esta achega municipal ten como obxectivo fomentar a igualdade dos nenos e nenas pertencentes a familias con escaseza de recursos económicos. A edil ferrolá sinalou que “a data de hoxe son máis de 420 as solicitudes recibidas” e que as solicitudes deben ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello, ata o vindeiro 3 de decembro.

Compre lembrar que nesta convocatoria foi aumentada a franxa de idade dos posibles beneficiarios, así como a partida económica destinada a esta bolsa de agasallos no Nadal. Así, os menores dende os 0-1 anos ata aqueles que non teñan cumpridos os 13 anos o vindeiro 6 de xaneiro de 2014 poden ser beneficiarios desta achega municipal. Así mesmo, mantense que no caso de discapacidade psíquica recoñecida, o tope de idade será de 18 anos. Poderán solicitar estas axudas os representantes legais dos menores –pai, nai e titor/a- que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar empadroado e residir no Concello de Ferrol.

– Convivir cos/as menores para os que se solicita a axuda.

– Que os ingresos económicos da unidade familiar non superen os máximos establecidos nas bases.

– Presentar a solicitude e a documentación en tempo e forma establecida polo Concello de Ferrol.

Así, o orzamento xeral que destina a Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol para “Agasallos no Nadal 2013” ascende ata os 40.000 euros, o que supón un incremento algo superior ao 30% con respecto á última convocatoria do mandato anterior que foi no 2011 cunha contía de 27.550 euros. A axuda máxima para cada menor é de 50 euros, que se fará efectiva a través dun vale que se  troca por xoguetes, cd´s, libros, roupa deportiva, artigos de deporte, ou calquera material ou instrumento relacionado coas novas tecnoloxías (consolas, ordenadores…) nas entidades comerciais ferrolás.

27 de novembro de 2013 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.