Cambios na circulación por obras nas vías coruñesas
A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público informa dos cambios de circulación que se producen con motivo das seguintes obras:
– Reposición de pavimento de formigón na rúa Biscaia. No tramo comprendido entre a rúa Sofía Casanova e a avenida de Arteixo será necesaria a ocupación da metade da calzada, deixando libre a outra metade para o tráfico de vehículos entre mañá, mércores 27 de novembro, e o 20 de decembro.
– Tendido e montaxe da rede de alta tensión na rúa Sebastián Martínez Risco. Ocupación parcial do carril de tráfico e zona de aparcadoiro, mantendo un carril para cada sentido, ata o 20 de decembro.
– Axuste de tapas de arqueta de Gas Natural Fenosa. Mañá, mércores 27 de novembro, será necesaria a ocupación dun carril por un tempo aproximado de media hora no lugar no que se encontran situadas as arquetas das seguintes rúas: 10.30 horas, en Joaquín Planells, na zona da gasolineira; 11.00 horas, en Joaquín Planells, na zona da Policía Nacional; 11.30 horas, na praza da Milagrosa. Durante a ocupación darase tráfico alternativo con sinais.
– Revisión de arqueta de R situada en rúa Veramar. Entre as 10.00 e as 11.00 horas de mañá, mércores 27 de novembro, será necesaria a ocupación do carril de suba, dándose tráfico alternativo con sinais.
– Tendido de cable de fibra óptica en rúa Panaderas, San Andrés-esquina Rúa Nueva e Obelisco. Mañá, mércores 27 de novembro, dende as 23.30 horas, será necesario o corte parcial do tráfico manténdose sempre un carril de paso. A actuación está prevista finalizala ás 06.00 horas do xoves, 28 de novembro.
– Tendido de cable de fibra óptica entre o cuartel de Atocha e Capitanía-Cidade Vella. Na noite do próximo luns, 2 de decembro, entre as 23.00 e as 02.00 horas, será necesario o corte total entre as rúas Puerta de Aires e Alfonso IX (cale Amargura) e entre as rúas Zapataría e Príncipe.
– Despregue fibra óptica (FTTH) na avenida de Finisterre, zona Fontenova. Mañá, mércores 27 de novembro, entre as 09.30 e as 19.00 horas, será necesaria a ocupación do carril esquerdo, quedando libre outro carril no mesmo sentido de circulación.
– Canalización da rede de saneamento na avenida de Nostián. Mañá, mércores 27 de novembro, entre as 09.00 e as 19.00 horas, será necesaria a ocupación do carril dereito en dirección á rotonda de Sabón, entre as rúas Santiago de Compostela e Monforte.











