Brión convida aos veciños a participar na campaña de recollida de alimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión vén de poñer en funcionamento a segunda edición da campaña de Nadal de “Brión Solidario”, o proxecto municipal de recollida de alimentos para as familias máis necesitadas do municipio. Unha iniciativa xurdida o ano pasado por estas mesmas datas e que permitiu cubrir as necesidades básicas das 25 familias máis desfavorecidas do municipio, axudando directamente a 65 veciños e veciñas.

O éxito da iniciativa, que superou todas as expectativas grazas á extraordinaria colaboración e solidariedade amosada polos veciños, empresas e asociacións de Brión, motivou que “Brión solidario” seguise funcionando durante todo o ano como unha cadea de solidariedade alimentaria que sirve como ponte entre os doantes de alimentos e as familias máis necesitadas. Unha tarefa na que o Concello de Brión contou coa inestimable colaboración das achegas do Banco de Alimentos Municipal e do traballo da Asociación de Mulleres Xuntanza. Agora, coa chegada do Nadal, o Concello de Brión volve facer un chamamento á participación da veciñanza neste programa.

Novidades

Os veciños e veciñas de Brión que queiran colaborar na campaña poden entregar os alimentos non perecedoiros e correctamente empaquetados (pasta, aceites, conservas, legumes, cereais, leite, galletas…) en calquera establecemento municipal (casa do concello, casa da cultura, biblioteca municipal ou centro social polivalente) e en calquera dos centros educativos de Brión (colexio, instituto, gardería e escolas unitarias). A segunda opción de colaboración é facer un donativo en metálico no supermercado FROIZ de Monte Balado, entidade que colabora na campaña.

Este ano, o Concello de Brión aproveitará a campaña de Nadal para incluír dúas importantes melloras. A primeira delas será a posibilidade de seguir facendo durante todo o ano donativos anónimos a través do Froiz de Monte Balado, xa que ata o de agora só se podía colaborar na campaña de Nadal. A segunda novidade vai especialmente dirixida ás empresas do municipio, aínda que tamén estará aberta á participación de particulares. Así, será posible realizar doazóns en efectivos no Concello de Brión, que expedirá o correspondente “Recibo de doazón”, que será válido para ser utilizado polo donante á hora de presentar as súas contas con Facenda.

Dende os Servizos Sociais de Brión fan un chamamento á mobilización da cidadanía, empresas e asociacións de Brión que, coa súa desinteresada colaboración, poden axudar a mitigar a difícil situación que viven moitas familias, que o están a pasar especialmente mal.  Unha situación agravada polo incremento do número de fogares con todos os seus membros no paro, a precariedade das prestacións por desemprego, a mingua e desaparición das axudas para comedores, material escolar e bolsas para estudios, os copagamentos de medicinas farmacéuticas e hospitalarias … e agora tamén a ameaza de desaparición dos servizos sociais básicos, os máis próximos ao cidadán e os que, con campañas como “Brión Solidario”, ían resolvendo as situacións económicas e sociais máis precarias.

27 de novembro de 2013 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.