Brión acollerá unha charla sobre a liberalización do mercado eléctrico
O voceiro da Unión de Consumidores de Galicia, Félix Caramés, ofrecerá este luns 11 de novembro en Brión unha charla-coloquio sobre regulación e facturación eléctrica. Unha iniciativa que terá lugar na sala municipal de exposicións de Brión ás 19:00 horas. A entrada é libre e de balde.
Félix Caramés explica que “comezaremos cunha charla práctica sobre o sector eléctrico e a súa evolución durante os últimos anos, centrándonos sobre todo na liberalización do mercado e o que isto supón para os consumidores particulares. Despois, explicaremos os conceptos que compoñen unha factura eléctrica e os puntos que máis afectan aos usuarios”. Ademais de explicar os puntos clave que aparecen nas facturas eléctricas, Caramés analizará algún caso particular de algún dos veciños para amosar como interpretalas correctamente.
Esta actividade está organizada polo Concello de Brión, en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia. A asistencia é totalmente libre e de balde.











