Brión acolle o estreo da mostra contra a violencia de xénero “De berros e olladas” de Marga Piñeiro Díaz, Enrique González e Isidro Cea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónCalendario
A-
A+
Fotografías da mostra "De berros e olladas"

Fotografías da mostra “De berros e olladas”

O centro social polivalente de Brión acolle dende hoxe luns e ata o vindeiro 9 de decembro a exposición “De berros e olladas”, unha mostra contra a violencia de xénero dos fotógrafos Marga Piñeiro Díaz, Enrique Manuel González Pérez e Isidro Cea, cos haiku de Andrea Fernández Maneiro. Unha exposición que se presenta oficialmente en Brión e que nos próximos meses iniciará unha itinerancia por cidades como Vilagarcía, Rianxo, Sada, Oleiros, Chantada, Ourense e Lugo.

“Un bo día, varios fotógrafos galegos decidimos xuntarnos para gritar fotograficamente contra a violencia de xénero”, explica Isidro Cea. O resultado é unha exposición que reúne tres series de fotografías que, baixo o subtítulo “Non te agaches ante a violencia de xénero”, están unidas por unha mesma temática: o rexeitamento contra a violencia de xénero. Así, “De berros e olladas” reúne as series “Tratareite coma unha rosa” (Isidro Cea), “Bágoas de metal” (Enrique M. González Pérez) e “Mullerémonos” (Marga Piñeiro Díaz).

Series fotográficas

Enrique Manuel González Pérez presenta “Bágoas de metal”, unha serie de 10 fotografías  de 30 x 40 cms que, segundo explica, son “un alegato contra o maltrato, amosando en imaxes a desesperación, a soidade da persoa… Por iso todas as imaxes van en tons fríos unhas e en branco e negro contrastado outras, tentando amosar e facer partícipe á xente do que sinte unha persoa maltratada”.

Pola súa banda, Marga Piñeiro Díaz presenta a súa serie “Mullerémonos”, unha selección de imaxes en branco e negro nas que predomina a utilización de pequenos elementos (máscaras e bágoas, principalmente) para expresar a crudeza da violencia de xénero. Unhas fotografías que están acompañadas por haikus de Andrea Fernández Maneiro.

Finalmente, Isidro Cea explica que “Tratareite como unha rosa” é “unha serie fotográfica baseada na lacra da violencia de xénero. Poderíamos chamalo un fotopoema, xa que cada unha das fotos é un verso que en todo o conxunto conforman un poema que é o fío condutor deste traballo”. Trátase de 10 fotografías editadas e procesadas dixitalmente e montadas en PVC cuns tamaños que oscilan entre os 50 x 40 cms e os 75 x 50 cms. O devandito poema di o seguinte:

Tratereite coma unha rosa
dixeches
e as túas palabras foron
espiñas na miña pel.
Regaleiche a miña alma
e ti partiches o meu corazón.
Pero entre as cinzas
na miña soidade
non pecharei os ollos
berrarei
renacerei
e serei libre.

“De berros e olladas” poderá visitarse no centro social polivalente de Brión ata o próximo 9 de Nadal, de luns a venres en horario de mañá e tarde; así como os sábados pola mañá e os domingos pola tarde.

18 de novembro de 2013 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.