Belén Quintáns, Rubén Ruibal e Xoán C. Mejuto participan nunha mesa redonda en Brión sobre Roberto Vidal Bolaño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A ANPA Pedra Viada do IES Brión e o Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña, organizan as I Xornadas de Roberto Vidal Bolaño, que terán lugar os sábados 9, 16 e 23 de novembro, ás 20:30 horas, no centro social polivalente de Pedrouzos. Un programa que inclúe unha mesa redonda sobre a obra do dramaturgo compostelán, a cargo da Asociación Roberto Vidal Bolaño, e dúas actuacións teatrais. Nos tres casos, a asistencia é libre e de balde.

As I Xornadas de Roberto Vidal Bolaño comezarán este sábado 9 de novembro cun acto de presentación a cargo da ANPA Pedra Viada e do Grupo de Teatro do IES Brión, que dará paso a unha mesa redonda sobre a obra de Roberto Vidal Bolaño. Unha mesa redonda na que intervirán Belén Quintáns, fundadora de “Teatro do Aquí” e viúva de Vidal Bolaño; Rubén Ruibal, dramaturgo galego formado canda Vidal Bolaño e actualmente coordinador da Aula de Teatro e Danza da Universidade da Coruña; e Xosé Carlos Mejuto, actor, director e autor teatral que na actualidade está a representar “O xardín das pernas roubadas”.

Unha mesa redonda que está organizada pola Asociación Roberto Vidal Bolaño, creada en novembro de 2012 en Santiago de Compostela co obxectivo de promover a figura e a obra do actor cando se cumprían dez anos da súa desaparición. O colectivo está integrado actualmente por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco. Porén, non se trata dun grupo pechado.

Actuacións

As I Xornadas de Roberto Vidal Bolaño tamén inclúen dúas representacións de pezas do ilustre dramaturgo galego. A primeira terá lugar o sábado 16 de novembro a cargo da Escola de Teatro de Muros, que representará a obra “Integral”. Trátase do último texto teatral de Roberto Vidal Bolaño, escrito a petición da Escola de Teatro do Padroado de Cultura de Narón. Unha obra que inclúe a gran maioría das constantes teatrais de Vidal Bolaño: realismo cru e directo, personaxes marxinais e derrotados, presenza dun humor retranqueiro e filosófico… Unha peza que amosa que a vida está chea de teatro, pois se usa para poder sobrevivir dignamente.

Por último, o grupo de teatro do IES de Brión representará “Roberto Vidal Bolaño: sempre aquí”, unha peza que presentaron con gran éxito o pasado mes de xuño. Trátase dunha peza na que destacan a  relación entre Brión e o dramaturgo ao que este ano está dedicado o Día das Letras Galegas. E é que nos seus últimos anos de vida, Vidal Bolaño non só residiu en Brión senón que se implicou en moitas actividades culturais do municipio, en xeral, e do instituto, en particular. De feito, a biblioteca do IES Brión leva o nome de Roberto Vidal Bolaño. A actuación estará dirixida por Lucho Penabade e Tero Rodríguez, a fronte de trece alumnos do IES Brión.

Ambas actuación terán lugar ás 20:30 horas no auditorio do centro social polivalente de Brión. A entrada é libre e gratuíta.

7 de novembro de 2013 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.