Avanzan as obras de mellora dos accesos ao polígono desde a DP-1909
As obras de mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha desde a estrada provincial DP-1909 avanzan segundo os prazos previstos. José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, edil responsable da área de urbanismo e obras públicas, reuníronse co xefe de obra no lugar de A Xesteira -un dos puntos nos que se está a acometer unha das partes máis importantes do proxecto-, que lles avanzou que, no caso de que as condicións climatolóxicas así o permitan, a próxima semana concluiranse as labores de extensión do aglomerado asfáltico en quente que formará o novo pavimento da calzada.
Cabe lembrar que este proxecto é promovido conxuntamente polos Concellos da Laracha e de Carballo. O seu orzamento ascende a 224.000 euros, que serán financiados nun oitenta por cento pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
A actuación inclúe a mellora integral dos 2.814 metros de lonxitude da estrada que comunica A Xesteira, no acceso ao parque empresarial, con Castelo, núcleo situado na carballesa parroquia de Vilela. Nos tramos nos que así foi posible, aumentouse a anchura da vía ata alcanzar os 6,30 metros nalgúns puntos. Ademais a estrada foi dotada coa rede de recollida de pluviais.
Deste xeito melloraranse notablemente as comunicacións nesta carreteira, que conforma un dos principais accesos ao parque empresarial da Laracha e é tamén a máis importante vía de comunicación entre esta zona e Baldaio.











