As visitas escolares á Torre de Hércules serán completadas con material didáctico sobre o monumento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo que dirixe Luisa Cid, iniciou a repartición de unidades didácticas sobre a Torre de Hércules entre os centros educativos que solicitan visitar o monumento para que os nenos e mozos, especialmente os da Coruña e o seu ámbito, adquiran un especial coñecemento e sensibilidade cara ao monumento, Patrimonio da Humanidade dende 2009.

A iniciativa, subvencionada polo Ministerio de Educación, pretende completar desta forma as visitas escolares e facelas máis frutíferas. Os docentes que o desexen poderán dispoñer do material antes da visita para organizar cos seus alumnos actividades que estimulen a imaxinación e a vinculación coa Torre de Hércules, ademais de espertar nos escolares a curiosidade e o respecto ao patrimonio.

A distribución das unidades didácticas comezou o pasado mes de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar, e o Concello confía en que máis de 3.500 alumnos reciban esta formación complementaria a través dos seus profesores ao longo de todo este curso académico.

Ademais de contribuír a preparar a visita guiada á Torre de Hércules, as fichas están pensadas para que se poidan incorporar ás bibliotecas dos centros educativos.

26 de novembro de 2013 | 11:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.