“As Pombas de Carboeiro” chegan a Boiro
A Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro acolle o sábado 9 de novembro, ás 20.00 h., a representación de “As Pombas de Carboeiro”, destinada a maiores de 14 anos, dentro do programa de dinamización lingüística.
As Pombas de Carboeiro
As Pombas de Carboeiro é un metarrelato no que un frade trata de convencer coa súa historia a un batallón do exército napoleónico para que os soldados non sacien a súa fame coa poboación de pombas mensaxeiras do mosteiro.
A través do seu relato descubrirán a historia de amor protagonizada por Cervela (correo de El-Rei Fernando II) e Octavia (a filla máis nova de Lupa de Lobarzán); amor que por razóns de sangue non lles será permitido, e que dará a orixe á estirpe de pombas que habitan en Carboeiro.
A dramaturxia e a música deste orixinal e fascinante espectáculo transcorrerán acompañados da banda de música municipal de cada concello, que acompañará os actores Inacio Vilariño e Benxamín Otero interpretando as partituras deste último.
A técnica de representación da historia, na que se mesturan a lingua, os contos, os cantos, as lendas e os romances, é a do kamishibai, unha arte xaponesa baseada en imaxes impresas en cartolina nunha xanela de madeira que leva unha bicicleta. A lingua narrada mesturarase coa teatralidade, coa maxia, cos monicreques e, por suposto, coa música en directo.











