publicidade hoxe

As obras incluídas no Plan de Calidade 2013 en Ponteareas permitiron a mellora da calidade do subministro eléctrico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de Ponteareas para analizar as obras desenvolvidas dentro do Plan de Calidade 2013 na comarca do Condado e A Paradanta, que permitiron a posta en marcha de varios proxectos de mellora da calidade do subministro eléctrico de diversas parroquias dos municipios de Mondariz, Covelo e Ponteareas.

Nesta visita, o delegado territorial da Xunta estivo acompañado polo alcalde do municipio, Salvador González, xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como por Adolfo Álvarez e Edgar Mosquera, representantes da empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía, encargada de varios destes traballos de mellora.

José Manuel Cores Tourís recordou que o Plan de Calidade 2013 ten coma obxectivo apoiar as empresas do sector para que executen as obras necesarias que solucionen os problemas de calidade no servizo. “O plan leva aparellados uns investimentos de 19 millóns de euros para toda a comunidade autónoma, dos cales a Xunta de Galicia achega o 30%”, explicou o delegado territorial. “Deste xeito, o obxectivo final, é mellorar a calidade e a garantía do subministro, especialmente no rural galego e en concellos como os de esta comarca onde hoxe nos atopamos”.

O responsable da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra matizou que “dende a administración autónoma queremos apostar por dignificar e mellorar a vida no rural, por iso apostamos por este tipo de empresas, como Central Eléctrica Sestelo, que colaboran en potenciar o subministro eléctrico nas parroquias”.

De feito, Adolfo Álvarez, recoñeceu que “sen axudas como estas do Plan de Calidade sería imposible manter o servizo no rural en perfectas condicións, porque non sería rentable para as empresas xa que estamos a falar de núcleos de poboación reducida”.

En total, beneficiáronse destas obras cerca de 2.800 veciños do rural dos concellos de Ponteareas, Mondariz e Covelo. O investimento durante o 2013 está a ser de 1.156.525 euros, dos cales a Xunta de Galicia aportou 350.000 euros para obras realizadas dentro do plan de calidade.

En total, dende 2009, Central Eléctrica Sestelo realizou inversións por cerca de 8,2 millóns de euros para mellorar o subministro eléctrico da súa área de distribución (Ponteareas, Covelo e Mondariz).

En relación a Ponteareas, as obras de mellora da calidade eléctrica realizáronse en Pedras do Tea, na zona do Teleclube Arcos, Balboa e A Rocha, onde se instalaron novas liñas de media tensión.

Finalmente, o alcalde da localidade, Salvador González, agradeceu a colaboración da Xunta para a execución destas obras “que melloran o servizo eléctrico a moitos veciños” así como a labor de Sestelo “que colabora en todo o que se lle solicita con este concello e que destaca coma empresa pioneira con máis de cen anos de existencia neste concello”.

14 de novembro de 2013 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.