As obras de mellora no CEIP San Isidro, de Neda, ascenderon a preto de 23.000 euros

Belén do Campo na visita ao centro educativo
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o colexio de Educación Infantil e Primaria San Isidro, no concello de Neda, para supervisar o resultado das obras de mellora e acondicionamento que se levaron a cabo ao longo das últimas semanas cun investimento de 22.978 euros.
Acompañada polo alcalde, Ignacio Cabezón, polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e pola directora do centro, Carmen Novo, Do Campo percorreu as dependencias e comprobou o normal funcionamento das clases. A representante do Executivo galego na provincia recordou que o Goberno autonómico, a través da Consellería de Cultura e Educación, acometeu os traballos para dotar dun novo aseo ao centro escolar e para reparar parte da cuberta e da solaina, así como para mellorar a zona de xogos dos máis pequenos.
A delegada territorial destacou que a actuación no CEIP San Isidro -no que están matriculados 40 alumnos en Educación Infantil e 69, en Primaria-, inclúese no paquete de intervencións programado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto dos centros educativos para o comezo de cada curso. Así, incluíndo esta última actuación, nos tres últimos anos a Xunta leva investidos nos dous colexios do municipio preto de 130.000 euros noutras obras, como a reparación da instalación eléctrica ou a reposición da sala de caldeiras no caso do San Isidro e da creación dun patio cuberto no CEIP de Maciñeira, que conta con 36 alumnos de Infantil e 78 de Primaria.
Do mesmo xeito, Do Campo aproveitou para agradecer a colaboración amosada polo concello á hora de atender as demandas da comunidade escolar co fin de mellorar a calidade das instalacións educativas, pois desde a administración local tamén se levaron a cabo diversas actuacións solicitadas polos equipos directivos e as asociacións de nais e pais, entre as que se inclúe a mellora dunha das cubertas exteriores do colexio de Maciñeira ou o pintado do vestíbulo do centro.
Con estas actuacións, indicou Do Campo, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades detectadas en cada municipio, cumprindo o compromiso adquirido coas comunidades educativas de cada centro, coas que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.











