publicidade hoxe

As obras de mellora da Etap de Bóveda serán adxudicadas neste mesmo mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBóveda
A-
A+

O director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, avanzou en Comisión Parlamentaria que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicará as obras de mellora da estación de tratamento de augas pluviais de Bóveda a finais deste mes. Engadiu que o prazo para asinar o contrato é dun mes, polo que as obras poderán comezar a principios de 2014. Cumprindo este calendario, as obras estarían rematadas a mediados do vindeiro ano e o Concello de Bóveda disporía dunha alternativa para o subministro de auga fronte a captación existente no encoro de Vilasouto.

Menéndez sinalou que a competencia na prestación dos servizos de abastecemento e saneamento é das entidades locais, pero a Xunta intervén no marco do programa de colaboración técnico – financeira con entidades locais e no caso concreto de Bóveda, aporta o 100% do custe da obra, 650.000 euros.

Non obstante, indicou que, tal e como establece a Lei de bases de réxime local, hai outras administracións que teñen “non só a posibilidade senón a obriga”, de atender estas cuestións como son as deputacións provinciais. Nese sentido, invitou á Deputación de Lugo a colaborar na execución da segunda fase desta actuación. Unha obra “igualmente necesaria” para para dotar ao concello dunha maior capacidade de regulación no abastecemento.

Etap de Bóveda

A mellora na Etap de Bóveda implica un investimento de máis de 650.000 euros, que será aboado ao 100% por Augas de Galicia e suporá unha importante mellora de todo o sistema de abastecemento de Bóveda, dende a captación ata a planta de potabilización.

Executarase unha nova captación no río Viloria, que permitirá unha subministración de auga con calidade axeitada durante os períodos de proliferación de cianobacterias no encoro. Este auga será impulsada ata a potabilizadora mediante un bombeo con dúas bombas de 20 kw cada unha delas.

Na planta potabilizadora proxectase unha terceira liña de tratamento de auga mediante filtración, co fin de incrementar a capacidade da planta dende 11 ata 17 litros/segundo. Tal e como se recolle no proxecto, será necesario reparar e renovar diversos elementos da estación de tratamento, realizarase unha impermeabilización e selado dos depósitos, repararanse os contadores de distribución ás parroquias e mellorarase e ampliarase o edificio. Tamén se instalará un novo cadro xeral de planta que permitirá un adecuado control e funcionamento da planta; e automatizarase de modo que o seu manexo sexa máis sinxelo e seguro.

Deste modo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da resposta a unha importante necesidade deste concello, evitando coa actuación tanto os problemas que puidesen xurdir polos episodios de proliferación de algas no encoro de Vilasouto como as necesidades de subministración de auga dos habitantes de Bóveda, e dos usos gandeiros e empresariais neste concello.

21 de novembro de 2013 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.