publicidade hoxe

As obras de aforro enerxético levadas a cabo na Lama permitiron a substitución de 83 luminarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello da Lama para supervisar o remate das obras de aforro enerxético realizadas neste municipio e que supuxeron a instalación de novas luminarias na parroquia de Gaxate.

Esta obra supuxo un investimento de 35.000 euros, dos que o 85% foron subvencionados a través da Consellería de Economía e Industria. Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Jorge Canda, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

No caso concreto da Lama, actuouse en 83 puntos de luz na parroquia de Gaxete, coa substitución das lámpadas por novas luminarias led. O aforro enerxético, segundo apuntou o alcalde da localidadesuperará o 70%. “A substitución das luminarias na parroquia de Gaxate púxose en marcha despois de levar a cabo unha actuación similar en Verducido”, engadiu Jorge Canda, quen explicou que, ademais, continuarase con este aforro enerxético a través do cambio de luminarias en Gende e Antas. Para este fin, destinaranse 60.000 euros procedentes do canon eólico “que acabamos de adxudicar”, rematou o rexedor.

A Lama acolleuse a nova orde de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética publicada en marzo pola Consellería de Economía e Industria a través do INEGA.

Estas axudas destínanse a proxectos de renovación de instalación de iluminación pública exterior cun orzamento global para o 2013 de case 4 millóns euros para toda Galicia, un 50% máis que o ano pasado.

Pola súa banda, o delegado territorial insistiu no feito de que “coa execución destes proxectos obtense un importante aforro enerxético e económico, de ata un 50% na factura eléctrica das instalacións substituídas. Así se contribúe á mellora da situación financeira das administracións locais. Ademais acadaranse importantes vantaxes ambientais, como a redución das emisións de CO2 ou a diminución da contaminación lumínica que sofren os concellos”.

6 de novembro de 2013 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.