As obras da EDAR de Ourense provocarán un corte no paseo das Ninfas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

As obras de actuación “Mellora do saneamento de Ourense, Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR)”, provocarán esta semana, durante os días 6 e 7 de novembro, o corte ao acceso dos viandantes ao Paseo das Ninfas, na marxe esquerda do río Miño. O corte realizarase para garantir a seguridade dos viandantes, mentres se realizan catas para localizar a condución existente e a execución da tala das árbores afectadas.

As obras son resultado dun convenio asinado pola Sociedade Estatal “Aguas de la Cuenca del Norte, SA”, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense para a execución e explotación das obras da actuación mellora do saneamento de Ourense, EDAR de Ourense.

O investimento das obras é de 49 millóns de euros, cofinanciados por tres administracións; 36.750.000 por parte da Administración Central, a través de Acuanorte, 10.109.000 por parte da Xunta de Galicia e 2.141.000 por parte do Concello de Ourense.

 O obxectivo da actuación é a construción e explotación das infraestruturas necesarias para completar e modernizar o sistema de depuración da cidade, mediante:

– A construción dunha nova depuradora, con capacidade de tratamento suficiente para satisfacer as necesidades de 350.000 habitantes equivalentes, o que supón o triple de capacidade da instalación actual. Poderá tratar completamente un caudal de 4.238 m3/h de augas residuais

– Prolongación do actual colector ata o bombeo de auga bruta da nova EDAR

– Demolición da actual depuradora

– Recuperación ambiental e paisaxística da marxe esquerda do río Miño, onde se ubica a planta, unha vez demolida a depuradora actual.

4 de novembro de 2013 | 15:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.