As II Xornadas sobre Malos Tratos e Abuso na Infancia congregan a máis de 70 profesionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

O Concello de Nigrán adianta a conmemoración do Día Internacional para a erradicación da Violencia de Xénero, que habitualmente se celebra o 25 de novembro, coa celebración das II Xornadas sobre Violencia de Xénero, nas que seis expertos abordarán a problemática dos abusos sexuais na infancia e adolescencia.

A inauguración das xornadas, presidida polo alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, contou tamén coa presenza da Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, a concelleira de Patrimonio, Mocidade e Igualdade, María José Piñeiro Fernández, e a Directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Nigrán, Yolanda Cobos.

“O obxectivo destas xornadas non é outro que o darlle maior visibilidade a un problema real da nosa sociedade, no que segundo recollen os últimos estudos manexados polo CIM o 85% dos agresores son homes, e as vítimas nenas, en maior porcentaxe que os nenos”, apuntou na súa intervención o rexedor municipal.

Esta realidade levou ao CIM de Nigrán a centrar o acto nos abusos de carácter sexual na infancia e a adolescencia, “unha das violencias máis invisibles e difíciles de detectar”, explicou na súa intervención a concelleira de Igualdade.

Falta de datos

A ausencia de estudos e investigacións actualizadas e con carácter oficial sobre esta materia é outro dos factores que dificulta o seu descubrimento e posterior tratamento. Esta desinformación fai que tanto o público profano como os profesionais que traballan con menores carezan dos coñecementos necesarios para abordar estas situacións co éxito desexado”.

Á chamada de atención lanzada polo Concello de Nigrán coa celebración destas xornadas responderon máis de 70 profesionais de distintos campos de actuación na materia, desde psicólogos clínicos, psiquiatras e terapeutas, educadores, avogados e fiscais, forzas de seguridade, persoal de ONG´s e casas de acollida, etc., “polo que podemos afirmar que estas xornadas serán un rotundo éxito, tanto pola asistencia como pola calidade e complexidade dos relatorios”, conclúe Valverde.

15 de novembro de 2013 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.