As entradas para a reinauguración do Salón García repártense mércores e xoves
A Concellería de Cultura repartirá o mércores e xoves da vindeira semana as entradas para asistir aos actos da reinauguración do Salón García, que se desenvolverán o venres, sábado e domingo. Os actos abertos ao público en xeral son o espectáculo do sábado pola noite e as proxeccións cinematográficas do domingo pola tarde. As entradas para asistir á función sabatina distribuiranse o mércores, mentres que as invitación para as sesións de cine dominicais poderanse recoller o xoves.
As entradas repartiranse na oficina de Protocolo do Concello, sita no primeiro andar da Casa Consistorial, en horario de 10 a 14 horas tanto o mércores como o xoves, insistindo en que o primeiro día distribuiranse unicamente as do espectáculo do sábado e o segundo as do domingo.
A sesión do sábado, 16 de novembro, prevista para as 21:00 horas, iniciarase coa proxección dun documental sobre o Salón García e haberá diferentes representacións teatrais de duración curta a cargo dos grupos locais Trípode, O Noso Lar e Clámide. Tamén haberá espectáculo de cabaret a cargo de Nydia, unha actuación cómico musical protagonizada por Gaspar González e Juan Carlos Porto e a proxección dunha cinta de cine mudo amenizada por un pianista en directo, como se facía antigamente. O acto conducirao outro showman de Vilagarcía, o popular tacho González, que tamén protagonizará un animado “combate” humorístico co seu irmán Gaspar.
Os vilagarciáns tamén poderán pasar unha tarde de cine no Salón García o domingo 17, xa que están programadas dúas películas. A sesión infantil comezará ás 17:00 horas coa proxección do clásico animado de Disney “El Libro de la Selva”, da que se acaba de facer unha edición conmemorativa do seus 40 anos.
As 19:00 horas será a sesión para todos os públicos que comezará coa proxección do documental sobre o salón García e a continuación pasarase “The Artist”, a película muda francesa rodada en branco e negro gañadora dun Óscar en 2012.
Dada a expectación suscitada e ao limitado aforo da sala, con capacidade para 250 persoas, só se entregarán dúas invitacións por persoa. Por estas mesmas causas e ao interese que existe arredor da reinauguración do Salón García, prégase que so retiren entradas as persoas que estean seguras de asistir. Aquelas que dispoñan de entrada e finalmente non poidan acudir, rógase que a devolvan ou as dean a alguén que estea interesado en ocupar o seu lugar.
Inauguración oficial
A programación para festexar a reinauguración do emblemático salón da Casa de Cultura ábrese o venres pola noite cunha sesión para autoridades, representantes veciñais e medios de comunicación. O actor vilagarcián Josito Porto conducirá o acto no que se proxectará un documental sobre o Salón García, haberá catro actuacións musicais de diferentes estilos e proxectarase unha cinta de cine mudo amenizada por un pianista en directo. Os grupos e músicos que intervirán no acto, todos de Vilagarcía, son o dúo Gramola, o quinteto Chalumiaux, Seangles e Juan Carlos Porto.
Ademais, o domingo 17 haberá un acto matinal específico para para asociacións, grupos e produtores culturais co obxectivo de que coñezan as instalacións e vexan as súas posibilidades de cara á programación de eventos e actos culturais de diverso tipo. Realizarase unha visita técnica ás dependencias do salón, haberá un concerto da Banda de Música e ofrecerase un aperitivo no vestíbulo do salón como colofón do acto.











