As comisións informativas abordarán a concesión de achegas a entidades como Cáritas Bertamiráns ou Arcea Adames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames celebrará mañá venres, 22 de novembro, as comisións informativas previas ao pleno ordinario. De cara ao venres, convocouse a comisión de Economía e Facenda na que se tratarán modificacións orzamentarias para a concesión de achegas nominativas a colectivos municipais como Cáritas Bertamiráns ou Arcea Adames para o desenvolvemento de proxectos sociais e a colectivos como AEMI e Motoclub Ameixenda. Así, tratarase a concesión de achegas á Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI), para o financiamento da Feira do Comercio Val da Maía, e ao Motoclub Ameixenda, para o financiamento do proxecto Supercross Brins 2013.

Deste xeito, abordarase a concesión dunha achega de 7.500 euros á asociación Arcea Adames destinada ao desenvolvemento do seu taller ocupacional no Milladoiro, co que o Concello vén colaborando nos últimos anos. O principal obxectivo da asociación é adoptar todas as medidas e actuacións posibles para contribuír a mellorar a calidade de vidas das persoas cunha discapacidade intelectual, e tamén a dos seus familiares. Unha destas iniciativas foi a posta en marcha do taller ocupacional que dá emprego a un grupo de persoas discapacitadas e no que se producen pequenas pezas de ferralla que son distribuídas a diferentes empresas de Galicia.

Nesta comisión, tamén se tratará a concesión dunha achega a Cáritas Diocesana Bertamiráns, co obxectivo de apoiar, ao igual que no Milladoiro, a unha actividade que resulta complementaria coa labor desenvolvida desde os Servizos Sociais do Concello. Por iso, proponse unha achega de 4.000 euros para este colectivo que vén desenvolvendo unha tarefa, crecente nos últimos anos, de atención aos desfavorecidos. Cáritas Diocesana de Bertamiráns realiza programas de acollida e dinamización social, promoción da muller, apoio e asesoramento a inmigrantes, apoio a nenos/as e mozos/as, conciliación familiar e laboral.

Ademais, abordarase o aporte de fondos á Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI) para o financiamento da Feira do Comercio Val da Maía, cun total de 10.000 euros, e ao Moto Club Ameixenda para o proxecto Supercross de Brins, con 2.000 euros.

Na Comisión de Facenda tamén se levará a cabo a ratificación dun acordo do pleno do mes de decembro de delegación de competencias tributarias na Deputación da Coruña, xa que agora se solicita polo Ministerio a ratificación daquel acordo.

Para este venres tamén se convocou a Comisión de Educación co obxectivo de tratar a designación de representantes nas escolas unitarias do municipio de Ames e no IES do Milladoiro. Deste xeito, seleccionaranse os representantes municipais nas escolas de Ortoño, Covas, Guimaráns e Agrón e no instituto de recente creación.

De cara ao pleno de novembro, este venres celebrarase a Comisión de Urbanismo para tratar a declaración de deserta da licitación do servizo  público Ciclo integral da auga do Concello de Ames, unha vez rematado o prazo de presentación de ofertas.

Precisamente, ao remate das comisións informativas previas ao pleno de novembro terá lugar na Casa do Concello unha nova reunión da comisión plenaria de abastecemento e saneamento para tratar os pasos a dar na licitación do ciclo integral da auga. O establecemento desta reunión acordouse onte, no marco dunha reunión celebrada entre o Goberno amiense e os representantes da oposición na que se abordou a situación xerada unha vez que o procedemento da licitación quedou deserto.

21 de novembro de 2013 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.