As coleccións de Jordi Dalmau e Franco Quintáns pecharán os desfiles do II Salón Arosa Novias
Fexdega retoma esta fin de semana a súa actividade feiral coa celebración do Salón Arosa Novias, que tras o éxito da súa primeira edición xera este ano moito máis interese e expectativas. Catro mil metros cadrados de superficie para acoller a 60 expositores das comarcas de Arousa e Barbanza que amosarán as últimas tendencias en todo o relacionado co mundo das vodas. Os desfiles de moda volverán a ser un dos pratos fortes do programa, con tres pases a diarios que o sábado pechara a colección do deseñador carrilexo Franco Quintáns e o domingo unhas das agullas máis importantes de España, o catalán Jordi Dalmau.
O II Salón Arosa Novias celebrarase o sábado 9 e o domingo 10 de novembro en 2013 baixo a organización da empresa de Vilagarcía, Arousa Klip. A mostra estará aberta de forma ininterrompida en horario de 11 da mañá ás 21:30 horas. O prezo da entrada é de 3 euros.
O programa inclúe actividades e demostracións ao longo de ámbalas dúas xornadas por parte dos expositores, como unha de coitelería acrobática, aínda que os actos centrais serán os desfiles de moda que terán lugar ao remate de cada xornada. Celebraranse tres pases cada día as 18:30, 19:30 e 20:30 horas. As dúas primeiras sesións corresponderán aos establecementos especializados da zona: Pacos Moda, Matucha, L’ atelier e María de Janza. Os pases pecharanse por todo o alto: O sábado co desfile da colección de traxes de noiva do deseñador de Carril, Franco Quintás, e o domingo cos espectaculares traxes do catalán Jordi Dalmau, un dos modistos máis importantes de España. Franco tamén promete espectacularidade cos seus deseños nos que o encaixe de camariñas ten un protagonismo especial, e cunha posta en escena con arraigo na terra e que inclúe unha gran sorpresa.
Sorprendente tamén será o peche do salón o domingo, cunha tirada de fogos de artificio que completará o ambiente festivo que os compoñentes de Klip pretende trasladar posteriormente ás rúas da cidade levando ao deseñador Jordi Dalmau a dar un paseo en limusina pola cidade e convidalo a tomar algo nun local de copas.
Modelos profesionais e música en directo
Dada a expectación que xeraron os desfiles na primeira edición, Arousa Klip decidiu este ano potencialos aínda máis, por iso realizaranse nunha pasarela máis longa e en forma de U que permitirá unha mellor visualización dos deseños e darlle máis espectacularidade ao pase. Os traxes serán lucidos por modelos profesionais de Galicia, tanto masculinos como femininos.
Outra das novidades é que os desfiles estarán amenizados con música en directo cun grupo tocando dende o mesmo centro da pasarela. Deste xeito tamén se pretende amosar as alternativas existentes á hora de amenizar musicalmente unha cerimonia nupcial ou mesmo o convite.
Os desfiles son un dos principais atractivos do Arousa Noivas, como demostran as numerosas solicitudes información e de invitacións que lles remiten case a diario futuras noivas que saben do evento debido á boa acollida que tivo o pasado ano e tamén a difusión que está tendo a través das redes sociais na que Arosa Novias está presente en diferentes foros, como a través do Facebook. De feito, a Axencia Klip xa invitou ao evento a 55 parellas que pretenden contraer matrimonio o vindeiro ano, a maioría da zona de Arousa, pero tamén de municipios como Santiago ou Redondela.
Asistir ao Arosa Novas é o xeito máis cómodo e rápido de facerse unha idea para organizar unha voda deixando todos os cabos atados ata o máis mínimo detalle. No salón noivos, padriños, damas de honra e demais convidados poden saír completamente vestidos e arranxados, e os noivos poden decidir onde celebrarán o convite, que música porán, como será o ramo da noiva, con que agasallarán aos convidados e mesmo a onde irán de lúa de mel. De feito, no salón, ademais de varios pazos nos que celebrar o convite están presentes expositores dos sectores da moda, estética, perruquería, viaxes, hostalería, xoiería, fotografía e vídeo, animación, organización de despedidas de solteiros, iluminación, pastelería, floristería, decoración, cocktelería acrobática, recordos para os convidados e todo o que se poida imaxinar.
Fontes de chocolate fundido e cupcakes
Os organizadores de Arousa Noivas sinalan que as tendencias este ano no tema de organización de vodas seguen as pautas americanas, motivado tal vez polos numerosos programas televisivos que se emiten en canais específicos. Estas tendencias prestan moita atención á decoración dos escenarios, á estética do detalle, aos arranxos florais e ata á estética das tortas nupciais. Precisamente neste sentido o salón inclúe un apartado cupcakes e de fondues de chocolate que se serven en grandes fontes. E aínda que o estilo americano marca tendencia, moitos expositores adaptan este gusto polo detalle á estética autóctona dándolle un toque especial e persoal para organizar vodas grandes ou pequenas con estilo máis tradicional ou máis moderno.
Repunte das celebracións nupciais
Os organizadores do salón Marta García e Juan Antonio Lijó sinalaron que, pese a ser a segunda edición do salón, o Arosa Novias, xa ten certo recoñecemento a nivel galego, situación que atribúen á boa acollida e ao éxito do ano pasado e tamén a que se está notando un repunte no tema de organización de vodas, un sector que no 2013 veu caer a súa actividade de xeito importante como consecuencia da crise. Outro dos aspectos que tamén están influíndo moito nas expectativas do salón é á promoción que directa e indirectamente se está facendo a través das redes sociais.
Encontro de bloggers
Este último aspecto potenciarano aínda máis no salón deste ano xa que haberá un encontro de bloggers no que están convidadas oito famosas blogeiras de moda galegas que estarán en Vilagarcía os dous días para comentar e informar a través dos seus bloggs e das redes sociais sobre todo o que acontecerá en Arousa Novias.











