As actividades da OSG renovan o seu compromiso co Consorcio para a Promoción da Música e Fundación Repsol
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o vicepresidente de Fundación Repsol, César Galo asinaron un convenio de colaboración entre o Consorcio para a Promoción da Música e Fundación Repsol para o financiamento das actividades musicais da Orquestra Sinfónica de Galicia.
A colaboración do Grupo Repsol coa Orquestra Sinfónica de Galicia comezou en 1998 e desde entón, neste quince anos realizouse unha achega de máis de 900.000 euros para que o desenvolvemento do seu labor cultural sexa hoxe unha realidade.
Como principal novidade, Fundación Repsol, dentro do seu obxectivo de promover a divulgación e mellora do coñecemento, súmase á iniciativa Son Futuro da Orquestra Sinfónica de Galicia, programa educativo de formación musical. A entidade achegará un total de 71.575,48 euros non só para esta iniciativa, senón para as actividades da Orquestra Nova, a Orquestra de nenos, o Coro Novo, o Coro de nenos e os concertos didácticos, nunha clara aposta por fomentar a cultura musical entre os máis pequenos da casa, polo que o alcalde agradeceu esta especial sensibilidade cara ao público infantil.
A través deste tipo de iniciativas da OSG, o Concello realiza un labor de difusión da música na que se tenta fomentar a participación de todos os cidadáns a través de recitais, ensino musical ou formación de espectadores. Ademais, pretende sensibilizar e familiarizar aos mozos espectadores e sumar público a este tipo de concertos que a Orquestra celebra na nosa cidade. Por iso, en cada sesión de Son Futuro, trátase de implicar á OSG, ao alumnado e aos profesores para que o programa sexa un éxito. Na tempada 2012-2013 participaron máis de 18.000 alumnos e prevese que nesta tempada 2013-2014 acudan uns 24.000 escolares de 205 centros. Ofreceranse 12 espectáculos e un total de 46 sesións.











