Arteixo acolle o Campionato Galego Xúnior e exhibición adulto de Taekwondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoDeportesDeportes Portada
A-
A+

Os campionatos galego xúnior de combate e de exhibición adultos celebraranse o sábado 16 de novembro (10:00 horas) no Pavillón Municipal de Arteixo coa participación de máis de douscentos deportistas e 30 árbitros.

A competición comezará coa modalidade de exhibición a partires das dez da mañá. No Galego participarán un total de sete equipos en representación de catro clubs (Hebe, Mace Sport, Olimpic e Tao). En xogo estará saber que clubs representarán a Galicia no campionato de España (do 19 ao 22 de decembro). Hai que recordar que Galicia conta con verdadeiros especialistas nesta modalidade e os clubs galegos son os absolutos dominadores no campionato estatal. O pasado ano, Galicia copou o podio tanto absoluto coma infantil, co Tao coma campión de España adulto e o Mace Sport B, campión infantil.

Habitualmente o Tao era o absoluto dominador, pero nos últimos anos as forzas están moito máis parellas grazas ao esforzo e traballo doutros clubs coma o Mace Sport e o Olimpic. Hai uns días o Olimpic logrou o primeiro posto en exhibición no Campionato do Mundo de Artes Marciais. O espectáculo está garantido para o público que asista o sábado ao Galego.

Na exhibición os equipos presentan un programa coreográfico con música, no que se combinan movementos, defensa persoal e acrobacias.
A continuación, a partir das once de mañá chega o momento do Galego de Combate na categoría xúnior coa participación de 123 deportistas (52 mulleres e 71 homes). É unha cita moi importante xa que deste torneo sairá a preselección galega para o Campionato de España, que se celebrará tamén entre os días 19 e 22 de decembro en Marina D´Or.

Na proba do sábado haberá un magnífico nivel deportivo xa que Galicia conta con grandes deportistas que acadan resultados tanto a nivel estatal coma internacional, a pesar de que nestas categorías é difícil prever os resultados polas enormes renovacións que se realizan cada ano co cambio categoría. Pero podemos destacar que no Galego estarán deportistas que lograron medallas no pasado campionato de España Xúnior coma Agustín Carou (ouro no 2012), Sabela López (prata no 2012) ou Adrián Jiménez (bronce no 2012) ou medallas cadetes que dan o salto de categoría coma Ainhoa Boubeta (ouro cadete en 2012), Laura Dosil (prata 2012) ou Miguel Orro (prata cadete en 2012).

15 de novembro de 2013 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.