Arránxanse 4 quilómetros de camiños municipais en Ramil, no Concello de Castro de Rei
Preto de 4 quilómetros de camiños rurais na parroquia de Ramil, en Castro de Rei, están a ser reformados pola Consellería do Medio Rural e do Mar. Así o comunicou a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, nunha visita ás obras na que estivo acompañada polo alcalde, Francisco Balado, ao que informou sobre os detalles do proxecto.
Arias subliñou que esta actuación supón un investimento de 102.343 euros e forma parte do plan de mellora de infraestruturas agrarias que está a desenvolver a Xunta de Galicia, co fin de mellorar as dotacións e contribuír a afianzar as actividades económicas e fixar poboación no medio rural.
A delegada sinalou que o arranxo dos camiños realízase na zona de concentración parcelaria de Ramil, proceso culminado no 2011 e que significou a reordenación da propiedade da terra e a apertura de novos camiños e accesos a fincas.
A intervención que agora acomete a Xunta de Galicia afecta a camiños municipais que, ás habituais causas de deterioro, suman o movemento de maquinaria pesada propia dos traballos de concentración e da execución das novas vías froito da mesma.
As obras foron adxudicadas no mes de agosto e contan cun prazo de execución de 24 meses. En total, proponse a reforma de 3,8 quilómetros cun ancho medio de 4 metros nos tramos do camiño da igrexa a Granda, Piquene a San Caetano, Couto de A a Entrambosríos e no camiño a Silva.
En xeral, proxéctase a limpeza de cunetas, o barrido e bacheo da plataforma e triplo tratamento asfáltico para mellorar o firme das vías.
Así, no camiño da igresa ata Granda reformaranse 947 metros, procedendo á limpeza do foxo e da superficie do pavimento e á aplicación de dobre rega asfáltica sobre o firme existente.
Entre Piquene e San Caetano arranxaranse 853 metros aplicando limpeza de foxo e pavimento e bacheo en todo o tramo así como triplo rega asfáltica, actuacións similares ás que se desenvolverán en 915 metros do camiño a Silva.
O tramo máis longo e máis complexo será o que une Couto de A e Entrambosríos, con 1.130 metros de lonxitude xa que, ademais das intervencións xa descritas, prevese a instalación dun cano de formigón de 40 centímetros de diámetro en parte do trazado.











