Aquelando Teatro representa en Brión o último texto de Vidal Bolaño na obra “Integral”
O auditorio do centro social polivalente de Brión acollerá mañá sábado 16 de novembro a representación da obra “Integral”, o último texto teatral escrito por Roberto Vidal Bolaño e que será representado por Aquelando Teatro. Unha actuación, de acceso libre e de balde, que está incluída no programa das I Xornadas de Roberto Vidal Bolaño, organizadas pola ANPA Pedra Viada (IES de Brión) e o Concello de Brión.
“Integral” é o último texto teatral de Roberto Vidal Bolaño, escrito a petición da Escola de Teatro do Padroado de Cultura de Narón, quen a levou por primeira vez a escena. Nesta obra están presentes algunha das constantes teatrais do dramaturgo compostelán: a querenza polos personaxes marxinais e derrotados, un realismo cru e directo, a presenza dun humor retranqueiro e filosófico, a fantasía, o soño e a ilusión por un mundo mellor… “Integral amosa ao público que a vida está chea de teatralidade e que, a cotío, a usamos para poder sobrevivir dignamente.
“Integral” estará dirixida por Lucho Penabade, quen estará á fronte do elenco de Aquelando Teatro: Lola Barreiros Lestón, Pepa Caamaño García, Minga Fernández Caamaño, Bernardino Fernández Lloréns, Rosa Figueroa Lago, Dora Formoso Figueiras, Fran Formoso, Fina García Lariño, Chus Lago Fernández, Elena San Nicolás Collantes, Gabriel Sestayo Lago e Melania Vázquez Peón.
IES Brión
O próximo sábado, 23 de novembro, o grupo de teatro do IES de Brión pechará estas Xornadas coa representación de: “Roberto Vidal Bolaño: sempre aquí”, unha peza que presentaron con gran éxito o pasado mes de xuño. Trátase dunha obra na que destacan a relación entre Brión e o dramaturgo ao que este ano está dedicado o Día das Letras Galegas. E é que nos seus últimos anos de vida, Vidal Bolaño non só residiu en Brión senón que se implicou en moitas actividades culturais do municipio, en xeral, e do instituto, en particular. De feito, a biblioteca do IES Brión leva o nome de Roberto Vidal Bolaño. A actuación terá lugar ás 20:30 horas no auditorio do centro social polivalente de Brión. A entrada é libre e gratuíta. A representación estará dirixida por Lucho Penabade e Tero Rodríguez, a fronte de trece alumnos do IES Brión.
As I Xornadas de Roberto Vidal Bolaño están organizadas pola ANPA Pedra Viada do IES Brión e polo Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña. Un programa que comezou o pasado sábado 9 de novembro cunha mesa redonda sobre a obra de Roberto Vidal Bolaño na que participaron Belén Quintáns, fundadora de “Teatro do Aquí” e viúva de Vidal Bolaño; Rubén Ruibal, dramaturgo galego formado canda Vidal Bolaño e actualmente coordinador da Aula de Teatro e Danza da Universidade da Coruña; e Xosé Carlos Mejuto, actor, director e autor teatral que na actualidade está a representar “O xardín das pernas roubadas”.











