Apróbase o proxecto de promoción turística “Descubre o mar” promovido polo Concello da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O proxecto de promoción turística Descubre o mar, deseñado polo Concello da Laracha para dar continuidade a Mar de Caión relacionando os recursos costeiros cos do interior, foi aprobado pola Consellería do Medio Rural e do Mar e será incluído no programa de axudas para o desenvolvemento de proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais

A subvención foi tramitada a través do Grupo de Acción Costeira (GAC) 3 – Costa da Morte e ascende ao 65% do investimento total, que se situará 57.112 euros.

Este proxecto, que comezará a executarse en próximas datas, terá sempre moi presente os recursos mariñeiros, pero non limitará o seu ámbito xeográfico a Caión, senón que tratará de poñer en valor outros puntos de interese do noso municipio que están moi relacionados coa vila costeira que marca o inicio da Costa da Morte. Exemplo son a feira de Paiosaco, a área recreativa de Gabenlle, o mosteiro de San Pedro de Soandres, o miradoiro de Santa Marta e os paseos fluviais dos ríos Anllóns e Vilán.

Un dos aspectos esenciais do proxecto centrarase en mellorar a sinalización das estradas que dirixen a Caión e ampliar a información que nelas se ofrece tanto a condutores como a peóns. Así, realizaranse estas actuacións nos cascos urbanos da Laracha e de Paiosaco por ser a principal entrada á comarca de Bergantiños desde a cidade da Coruña, así como nas carreteiras que levan a Caión desde as parroquias de Coiro, Soandres e Montemaior.

Para alcanzar esas obxectivos colocaranse sinais indicativas da ruta a seguir para chegar a Caión e paneis informativos sobre as principais instalacións turísticas (por exemplo, o museo do Arquivo da Pesca), así como da biodiversidade de especies animais e vexetais que existe na vila litoral. Tamén se propón a creación de miradoiros panorámicos en puntos estratéxicos da localidade costeira.

O proxecto inclúe un amplo apartado referido ao uso das novas tecnoloxías para reforzar a promoción turística.

Ao tratarse de dar continuidade ao proxecto Mar de Caión, a dinamización da economía e o impulso da iniciativa privada favorecendo a apertura de novas posibilidades de mercado (relacionadas, por exemplo, cos deportes náuticos, hostalería e atención ao público) sempre estarán moi presentes.

Polas súas características, a vila de Caión é o punto de interese turístico máis importante do Concello da Laracha. A través dos proxectos presentados ao GAC 3 Costa da Morte, ademais de varias iniciativas de tipo privado, creouse recentemente o museo do Arquivo da Pesca, foi desenvolvido o proxecto Mar de Caión e está a ser ampliado o paseo marítimo en 800 metros, desde o aparcamento da praia en dirección Carballo ata o arroio Figueirido.

Non obstante, o Concello da Laracha tamén quere resaltar a importancia e interese turístico de moitos puntos do interior do municipio, que en moitos casos están relacionados, dun ou doutro xeito, coa actividade mariñeira. O obxectivo é poñer en valor todos os recursos para crear sinerxias entre as diferentes zonas do municipio que sexan un reclamo para os visitantes e axuden a dinamizar a economía.

16 de novembro de 2013 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.