Apróbase o plan especial de infraestruturas de saneamento e abastecemento da Laracha
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou aprobar provisionalmente o Plan Especial de infraestruturas de servizos do sistema xeral de abastecemento e de saneamento de auga no termo municipal. Este importante avance na tramitación administrativa faise unha vez superado o período de exposición pública e tras aceptarse as únicas dúas alegacións que foron presentadas, referidas en ambos casos a mínimas correccións na situación de dous tramos de tubaxes.
O Concello da Laracha elaborou o Plan co obxectivo de ordenar as instalacións actualmente existentes e as futuras que se van construír. Trátase dun documento de tipo urbanístico, non dun proxecto de investimento en si mesmo, que posibilitará organizar dun xeito máis efectivo as infraestruturas existentes e deixar cualificado o terreo para a futura realización de novas actuacións. De feito, actualmente están en fase de tramitación a ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de O Formigueiro, melloras na estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Gabenlle e a creación dun novo depósito de auga potable de cabeceira en Golmar (entre os núcleos de A Calvela e Requesende).
O acordo de hoxe da Xunta de Goberno Local será remitido á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia. Unha vez se dispoña do informe favorable deste organismo, a aprobación elevarase a definitiva.
Axudas á escolarización
Tal e como estaba previsto, a Xunta de Goberno aprobou a proposta da comisión de valoración para outorgar as axudas á escolarización municipal, convocatoria á que o goberno local decidiu destinar neste curso a cantidade de 55.000 euros.
Nos próximos días os estudantes becados recibirán a comunicación por correo postal, na que tamén se lles informará sobre a documentación que deben presentar para xustificar a axuda, que para os alumnos de educación infantil será de 100 euros cada unha, 75 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 150 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 250 euros para os que cursen estudos universitarios de grao medio ou superior e 300 euros para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.
Facturas
Por último, aprobáronse facturas por un importe total de 36.000 euros, entre as que cabe salientar as correspondentes aos meses de outubro pola prestación do servizo de limpeza de edificios e instalacións municipais e a de Sogama referida ao tratamento dos residuos sólidos urbanos.











