Apertura do prazo de inscrición para o espectáculo infantil dos Axóuxeres
Un ano máis, coa chegada do outono, veñen tamén os Encontros dos Axóuxeres para os máis novos da casa. O domingo, 1 de decembro, chegan a Vilagarcía, cun espectáculo cheo de historias, música e diversión para os cativos menores de 6 anos, desta volta da man dunha compañía pioneira do teatro para bebés en Galicia: Caramuxo Teatro. Será no Auditorio, a partir das 18:30 horas e a entrada é libre previa inscrición, xa que o aforo é limitado, chamando ao teléfono 610 641 570 de luns a venres e en horario de 10 a 14 horas.
Cada Encontro dos Axóuxeres, de aproximadamente 35 minutos de duración, foi creado para ofrecerlles aos cativos un espazo onde gozar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego. Na obra cóntanse historias adaptadas á xente miúda da casa, mesturadas con cancións especificamente creadas para a montaxe que implican directamente a participación do público. Trátase dun programa promovido a través da Rede de Dinamización Lingüística.
O espectáculo de Caramuxo Teatro leva por titulo “A Festa da música, dos xogos e das palabras”. O punto de partida é o descubrimento do mundo que nos rodea, tan característico da idade máis temperá. A partir da curiosidade por saber o que hai dentro dunha casa, e empregando o elemento sorpresa, fálase dos cambios que vivimos a diario na nosa vida e no noso contorno. Estes preséntanse como elementos positivos no desenvolvemento das persoas e das relacións entre elas. Preguntarse quen será ese novo veciño que é diferente a min e des-cubrir o seu mundo pode ser unha canle a novas experiencias e novas aprendizaxes de vida.











