Apertura da inscrición para os concursos de escaparates de Nadal e de Panxoliñas
A concellería de cultura e deportes da Laracha está ultimando o contido do programa de eventos e actividades de Nadal, que contará con propostas para todos os públicos desde finais de ano e ata a Cabalgata dos Reis Magos do 5 de xaneiro, coincidindo coas vacacións nos centros de ensino. No marco deste programa desenvolveranse catro tradicionais concursos: os xa avanzados de conto e postais, dirixidos ao alumnado dos colexios, e os panxoliñas e escaparates. Nestes dous últimos casos, o prazo de inscrición abrirase o luns.
O certame de panxoliñas María Angeriz Tuset terá lugar o sábado 28 de decembro a partir das 18.30 horas na Casa da Cultura da Laracha. A inscrición xa está aberta para todas as asociacións culturais e coros parroquiais que desexen participar. Como en anteriores edicións, cada grupo interpretará dúas panxoliñas: unha libre e outra de concurso.
Están establecidas tres categorías de premios dotadas con 350, 300 e 275 euros. Todos os grupos teñen garantido, polo feito de participar, o premio da terceira categoría, xa que un dos propósitos esenciais deste evento é subvencionar a actividade que os coros e asociacións desenvolven ao longo de todo o ano.
O concurso de escaparates chega este ano á súa 18ª edición, converténdose en todo un clásico da programación de Nadal. O Concello convida a participar a todos os comercios do termo municipal da Laracha que dispoñan de escaparate exterior.
Os locais que se inscriban deben estar decorados con motivos propios desas datas desde o 20 de decembro ata o 6 de xaneiro. Repartiranse oito premios, dotados cun total de 740 euros, aos establecementos mellor valorados polo xurado.
Por último, lembrar que os concursos de postais e de conto van dirixidos a alumnos dos colexios (Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión) e das escolas unitarias (A Revoltiña de Soandres e Cumiáns de Montemaior) do municipio. O certame de conto é para estudantes do terceiro ciclo (quinto e sexto) de primaria. No de postais poderán participar alumnos de infantil e dos dous primeiros ciclos de primaria, estando establecidas categorías de premios diferenciadas por grupos de idade.
Os gañadores recibirán os seus agasallos, compostos por xogos e material educativo, no propio colexio antes das vacacións de Nadal.











