Ancos e o Concello de Neda reeditan a campaña “Ningún nen@ sen xoguete”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

A asociación de veciños Ancos, coa colaboración do Concello de Neda, vén de poñer en marcha a campaña “Ningún nen@ sen xoguete”. Unha iniciativa solidaria que se celebra por segundo ano consecutivo e que, no pasado 2012, obtivo unha extraordinaria resposta por parte da veciñanza. De feito, foron tantas as donacións efectuadas que incluso os xoguetes se entregaron non só a familias da vila de Neda senón que tamén se distribuíron entre os nenos e nenas do Fogar Infantil.

Así, todos os veciños e veciñas que estean interesados en colaborar poden donar xoguetes e máis libros infantís no local social da entidade veciñal (lugar da Muchiqueira, 24, Neda) todos os sábados, de 12 a 13,30 horas, e luns, martes, mércores e venres de 18,30 a 21,30 horas. E, o prazo, manteráse aberto ata fi-nais do mes de novembro. Dende a organización pídese que o material a entregar esté en bo estado.

A iniciativa promovida pola asociación de veciños en colaboración co Concello nace da complicada situación económica actual e co ánimo de axudar ás familias a que ningún neno nin nena quede sen xoguete, tal e como reza o lema da campaña. Unha vez finalizado o prazo, a entidade veciñal fará entrega dos xoguetes ao departamento municipal de Servizos Sociais, que procederá ao seu reparto entre as familias con escasos recursos da localidade.

6 de novembro de 2013 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.