Amplíase a franxa de idade de beneficiarios da “campaña agasallos de Nadal 2013” en Ferrol
O Goberno Municipal de Ferrol abre hoxe o prazo de solicitude para beneficiarse da campaña “Agasallos de Nadal 2013”, posto en marcha pola Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Martínez Beceiro co obxectivo de fomentar a igualdade dos nenos e nenas pertencentes a familias con escaseza de recursos económicos. A solicitude deberá presentarse no Rexistro Xeral do Consistorial ata o vindeiro 27 de novembro e a lista definitiva de beneficiarios será publicada o 16 de decembro e eses mesmo día repartiranse os vales.
A edil Rosa Martínez explicou as melloras que presenta a convocatoria deste ano con respecto ás anteriores, e que son principalmente dúas: o aumento da franxa de idade dos posibles beneficiarios e o incremento da partida económica destinada a esta bolsa de agasallos no Nadal. Así, esta convocatoria está aberta a menores dende os 0-1 anos até aqueles que non teñan cumpridos os 13 anos o vindeiro 6 de xaneiro de 2014. Cómpre recordar que en anteriores convocatorias a franxa de beneficiarios das achegas estaba limitada a nenos e nenas con idades comprendidas entre 1 e 12 anos. Así mesmo, mantense que no caso de discapacidade psíquica recoñecida, o tope de idade será de 18 anos. Poderán solicitar estas axudas os representantes legais dos menores –pai, nai e titor/a- que cumpran os seguintes requisitos:
– Estar empadroado e residir no Concello de Ferrol.
– Convivir cos/as menores para os que se solicita a axuda.
– Que os ingresos económicos da unidade familiar non superen os máximos establecidos nas bases.
– Presentar a solicitude e a documentación en tempo e forma establecida polo Concello de Ferrol.
A segunda das melloras introducidas este ano polo Executivo Local que preside Jose Manuel Rey Varela ten que ver co incremento da partida económica destinada a que os nenos/as de familias con menos recursos económicos non se queden sen agasallos nestas datas de Nadal. Así, o orzamento xeral de “Agasallos no Nadal 2013” ascende até os 40.000 euros, o que supón un incremento algo superior ao 30% con respecto á última convocatoria do mandato anterior que foi no 2011 cunha contía de 27.550 euros. O montante máximo por cada menor é de 50 euros, que se fará efectiva a través dun vale que se troca por xoguetes, cd´s, libros, roupa deportiva, artigos de deporte, ou calquera material ou instrumento relacionado coas novas tecnoloxías (consolas, ordenadores…) nas entidades comerciais ferrolás.











