Amplíanse os horarios do Fogar do Transeúnte e flexibilízanse as condicións de acceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Fogar do Transeúnte, ubicado na Praza do Trigo, ampliará desde hoxe os seus horarios e flexibilizará as condicións de acceso dos usuarios, con motivo da chegada das baixas temperaturas. Por unha banda, acollerá a toda persoa que non teña onde durmir, para que ninguén pase a noite na rúa. Así mesmo, se se enchesen todas as prazas do albergue se xestionarían recursos alternativos de aloxamento.

Tamén a próxima fin de semana, comezará o horario continuado de estancia no Albergue, que comprenderá fins de semana e días festivos. Só pechará de 12 a 15 h., horario no que deberán desprazarse ao comedor social.

Durante a semana, de luns a venres, amplíase o horario de saída unha hora máis, pasando das 9 h ás 10 h. Nestes días, os usuarios poden recurrir tamén aos centros cívicos, centros de día, ou desenvolvemento de actividades con ONGS.

Lugar de entretemento e estancia agradable

O edificio está destinado a ofrecer aloxamento de carácter temporal a persoas en situación de emerxencia social, persoas transeúntes e persoas sen fogar, proporcionándolles aloxamento e manutención por un período limitado de tempo.

O Fogar do Transeúnte conta con vinte prazas e presta os seguintes servizos: acollida, valoración, asesoramento e derivación, admisión e aloxamento, manutención, hixiene e lavandería, roupeiro, consigna e domicilio postal. O horario de admisión, agás en casos de emerxencia, é de 20 a 22 horas.

Con carácter xeral, os destinatarios deste recurso son persoas maiores de 18 anos, en situación de exclusión ou emerxencia social, que debido a sinistros na súa vivenda, carencias socioeconómicas, problemas de saúde ou conflitos persoais ou de convivencia pasan por unha situación carencial aguda que inclúe a non disposición efectiva dun fogar ou núcleo substitutivo deste.

A estancia no albergue municipal das persoas transeúntes será de tres días consecutivos cada tres meses. No resto de situacións, o tempo de estancia depende da valoración dos técnicos municipais, puidendo permanecer o tempo necesario en tanto non se resolva a súa situación de emerxencia.

27 de novembro de 2013 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.