Ames contará cun Centro de Información á Muller situado no Milladoiro
As xestións realizadas polo Goberno municipal permitirán que o Concello de Ames conte cun Centro de Información á Muller (CIM), que está situado nas oficinas municipais do Milladoiro e no que se ofrece asistencia xurídica e atención psicolóxica ás mulleres amienses que o precisen. O horario de atención ao público do CIM amiense será de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas.
Para a posta en marcha deste Centro de Información á Muller (CIM), o Concello de Ames vén de recibir unha axuda da Secretaría Xeral da Igualdade de máis de 15.128 euros. A consecución deste CIM, unha vella reivindicación do Concello, foi posible grazas ás xestións realizadas ante a Xunta de Galicia polo Executivo amiense.
De feito, no pasado mes de xuño, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, mantiveron unha reunión coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, co obxectivo de poñer en marcha as xestións que permitan dotar ao municipio dun Centro de Información á Muller (CIM). Deste xeito, tanto o Concello como a Xunta comezaron un traballo conxunto para conseguir que Ames conte cun CIM no que se preste atención e asesoramento ás mulleres amienses.
O rexedor de Ames, Santiago Amor, explicou que, tras este encontro coa secretaria xeral da Igualdade, “o Concello, a través da Concellería de Benestar Social, deu inicio a todos os trámites necesarios para solicitar o recoñecemento e acreditación do CIM, xa que consideramos que é un servizo moi necesario para Ames, debido ás nosas características poboacionais”. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, subliñou que a consecución deste centro para Ames “é vital para reforzar a atención ás mulleres do municipio, que xa se vén prestando desde o departamento de Servizos Sociais”.
Os Centros de Información ás Mulleres son departamentos de carácter permanente destinados a proporcionar asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional, información en materia de recursos e calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade das mulleres. Ademais, os centros de información á muller proporcionan información e asesoramento en materia de igualdade de oportunidades.
Atención e asesoramento
Entre as funcións que desenvolven os CIM atópanse as de información e asesoramento xurídico, atención psicolóxica e información sobre os recursos dispoñibles para a muller no seu ámbito territorial. Ademais, levan a cabo accións de difusión e sensibilización sobre a igualdade entre homes e mulleres, funcional como canle de comunicación entre as usuarias e os organismos que teñen competencias en materia de muller e dan atención específica ás mulleres vítimas da violencia de xénero, poñendo á súa disposición todos os recursos existentes.











