Ames consegue os terreos para a planta potabilizadora nun acto de levantamento de actas previas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá o acto de levantamento de actas previas á ocupación de terreos para a posta en marcha da planta potabilizadora Ames-Brión. A este acto estaban convocados os propietarios dos 28 terreos afectados pola execución da ETAP e do depósito de cabeceira. Neste acto, estiveron presentes, ademais dos peritos encargados de cotexar a documentación, o alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, a secretaria municipal e técnicos dos servizos económicos do Concello.

Neste acto celebrado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns procedeuse ao levantamento de actas previas e o conseguinte abono dos depósitos previos e indemnizacións de mutuo acordo. Trátase dos últimos pasos a dar pola administración local para que as obras teñan vía libre e poidan ser iniciadas por parte da Xunta de Galicia. A totalidade das fincas teñen categoría de solo rústico de protección forestal.

A dito acto de levantamento de actas debían acudir os titulares dos terreos, persoalmente ou ben representados por alguén debidamente autorizado para actuar no seu nome, aportando os documentos acreditativos da titularidade dos terreos e a documentación identificativa da persoa.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “con este paso, dáse vía libre á continuación das obras de construción da planta e os depósitos, unha infraestrutura fundamental para o Concello”. O rexedor amiense subliñou que este paso chega despois de intentar o acordo cos propietarios.

O pasado mes de outubro, na celebración do pleno ordinario, o Concello de Ames aprobou de xeito definitivo a relación concreta, individualizada e valorada de bens e dereitos a ocupar con urxencia para a execución da obra de construción da ETAP. Ademais, fixouse a data do 26 de novembro como día para o levantamento de actas previas da expropiación.

A expropiación forzosa dos terreos e o proxecto ETAP Ames-Brión 1º Fase foi aprobado en pleno o pasado mes de agosto e levaba implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, segundo o artigo 28 da Lei 9/2010, de 4 de novembro, xa que esta actuación está incluída no Plan de Medidas do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa e é, por esta razón, unha obra hidráulica de interese da comunidade autónoma.

Estas obras, que serán acometidas pola Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia, dispoñen dun orzamento de máis de 8 millóns de euros e permitirán incrementar nun 69% a capacidade de abastecemento do sistema de auga potable de Ames e Brión.

26 de novembro de 2013 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.