Ames acomete obras de asfaltado na vía que une Bertamiráns e Ponte Lapido
Esta semana remataron os traballos de acondicionamento do camiño que vai dende Bertamiráns ata Ponte Lapido, pasando polo lugar da Barreira. Esta obra está incluída nos proxectos de pavimentación e mellora de vías e accesos que se están executando no municipio amiense con cargo ao financiamento do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña correspondente ao 2013 e nos que se investiron preto de 140.000 euros.
Durante esta semana executáronse unha parte destes traballos de mellora dos camiños municipais. A empresa Martínez-Montes e Hijos, adxudicataria destes proxectos, estivo levando a cabo as obras de mellora na capa de rodaxe do camiño Bertamiráns-Barreira-Ponte Lapido. Nesta obra, xunto á de acondicionamento do camiño Igrexa-Campo de fútbol- A Tarroeira (Ortoño), investíronse un total de 54.661 euros.
Durante o pasado ano realizáronse actuacións en diversas parroquias e atopouse que o firme destas estradas estaba en estado defectuoso, polo que se facía necesario actuar sobre elas. En ambos camiños mellorouse a capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado, reparáronse as fochancas e dóuselle un tratamento asfáltico semiprofundo, e posterior pintado de bordes, aparcamentos e sinalización. Tamén se realizou a apertura e limpeza de gabias.











